RSS Feed

‘El sofá de la sala (pensamientos y tertulias…)’ Category

  1. Querer a alguén

    septiembre 1, 2024 by sergio

    Cando queres moito a alguén, dalgún modo vives máis a túa vida porque tamén a vives mirándoa cos seus ollos


  2. Festexar é solidario e, polo tanto, revolucionario

    noviembre 15, 2022 by sergio

    Xa somos 8.000 millóns de seres humanos na Terra. E en 2080 según as Nacións Unidas uns 11.400 millóns.
    No caso de que os ecosistemas nos aguanten ate 2080 (que está por ver), van vir si ou si tempos complicados. Neses tempos as solucións tenden a polarizarse, e eu só vexo dúas opcións:

    • Un decrecemento controlado e SOLIDARIO, onde algunhas teremos que renunciar a cousas (moitas delas totalmente superfluas, outras tal vez non tanto…)
    • O ecofascismo, onde o decrecemento sexa imposto por unhas élites (que non precisarán decrecer tanto, polo menos ao principio), nun proceso máis ou menos explícito de exterminio social

    Para quen cremos que as oportunidades non deberían vir marcadas polo lugar onde naciches ou a cor da pel, ou o sexo, xénero, etnia ou mobilidade, a primeira é a opción xusta e natural. Esa é a que nos sae de dentro en realidade. A outra vén marcada polo medo irracional que nos fai tomar decisións erradas de supervivencia. A primeira é unha utopía? Tal vez, pero entón tamén o é que non acabemos vivindo en The Handmaid’s Tale ou Snowpiercer. Para avanzar nesa primeira solución creo que axudaría moito nunca deixar de festexar de xeito inxenuo e honesto (como sae neste artigo tan chulo). Tamén na peli Chocolat que toca tamén os pequenos praceres e os festexos como algo que une ás persoas, unha semente de revolución.


  3. O aumento do poder adquisitivo son os pais

    junio 4, 2022 by sergio

    Lía o outro día que, para avanzar cara a xustiza social sen poñer en perigo a sustentabilidade ambiental, o importante é repartir mellor o pastel, pero sen facelo máis grande.

    En medios de comunicación nada sospeitosos de fomentar o liberalismo láianse ultimamente sobre o aumento da inflación e a perda do poder adquisitivo (sobre todo, como non, das clases baixas). Tamén se compara como en España aceptamos isto con cristiá resignación, non como en Francia, onde levan tempo aumentando o poder adquisitivo, facendo arder as rúas se é preciso.

    Pero comparándonos coa maioría do mundo, e nun contexto de avance cara un reparto real do pastel, é forzoso que o noso poder adquisitivo baixe. O da clase media tamén, pero primeiro e moito máis, o das elites que aínda hoxe en España desfrutan dun sistema impositivo pouco progresivo en comparación coa maioría dos países europeos. Así que as esquerdas deberían deixarse de tanto laiarse da baixa de poder adquisitivo e da inflación e empezar de verdade a esixir a reforma do sistema fiscal (que o PSOE non vai abordar, coa súa tradicional posición de querer nadar e gardar a roupa, e o PP tampouco porque están moi ocupados facéndose a si mesmos, aínda que non se soen quedar moi ben).


  4. Hipocresía e demagoxia ante a guerra

    abril 29, 2022 by sergio

    «E agora tí, tan pacifista e hipi, que farías co Putin? Deixarlle que faga o que lle dea a gana? Como te vas opoñer a que se lle manden armas?«.

    Este sería o típico comentario ao que as persoas que, coma min, somos antibelicistas convencidas, temos que enfrontarnos dende que ao megalómano lle deu por atacar Ucraína.

    HIPOCRESÍA. Pero claro, o gas ruso o seguimos precisando (e comprando) para manter o noso tren de vida (que é moito máis que quencer a casa, non imos agora poñernos mexericas como se escoita por aí con tremendismo, aidiormío que imos pasar frío, que ao final a enerxía que usamos para quencer a casa é ben pouquiño comparado coa total). Xa vos digo eu que nas aldeas de Galicia frío non ían pasar moito aínda que faltara o gas. E non se trata de que todo o mundo se poña agora a queimar leña, pero eses que nos chaman hipis non queren lembrar que tamén somos a xente da ecoloxía política e o activismo polos dereitos humanos a que levamos anos dicindo que tanto falar de soberanía en forma de bandeiras e himnos ben puideran telo feito en forma de defender a soberanía enerxética coa participación da xente da España baleirada (e tamén da soberanía alimentaria, mirade agora o prezo dos cereais) e un sistema de impostos máis progresivo e buscando a renda básica universal (mirade a inflación e as subidas de prezos).

    DEMAGOXIA. As persoas antibelicistas o somos de xeito estrutural. Cando comeza unha guerra «visible» como a de Ucrania, xa hai anos que leva habendo en realidade unha guerra soterrada (ou non tan soterrada, pero é mellor mirar cara outro lado ante Crimeas e outras fantochadas dun tipo que se cree unha mestura de Stalin e o zar que prefirades, eu sempre o imaxino como o desta serie). Así que cando estamos en situación de guerra, non é momento de preguntar que podemos facer aparte de enviar armas. Mandar armas e pegar tiros sempre é o fácil (para quen non ten que ir á fronte ou aguantar na retaguardia privacións e destrución). Pero coidar de que non se chegue a iso, e pechar a billa DE VERDADE aos negocios coas elites do país que poden presionar a quen decide, vai contra moitos intereses (de poucas persoas) que seguen enriquecéndose. E a cidadanía teriamos que pedir á clase política, que pode ter man no modelo enerxético e alimentario que nos rexe, que empece a mirar a medio e longo prazo e de xeito que beneficie á maioría, non a 4. E mirar tamén nós dese xeito como persoas de rúa, claro, porque parece dunha gran inxenuidade pedir a quen está en política máis iluminación e visión de futuro da que temos nós.


  5. Cousiñas que me preocupan sobre a Renda Básica Universal

    enero 22, 2022 by sergio

    Quen me coñeza algo, sabe que son bastante «turras» con este tema. Onte tiven ocasión de estar na presentación do libro Renta Básica: una herramienta de futuro, de Julen Bollaín. Gustoume o enfoque que lle deu, confrontando esta ferramenta da RBU con varios dos que, para el, son grandes retos do futuro. Un deles é os límites físicos do planeta, aos que nos achegamos a unha velocidade preocupante. Aínda non lin o libro, pero pronto caerá…

    O que si me fixo pensar a presentación, debate e posterior encontro informal, foi en tres cousiñas que xa hai moito que me preocupan nisto da Renda Básica Universal (nesta entrevista o propio Julen conta de xeito moi clariño o que é a RBU, por se chegades aquí e non vos soa o concepto):

    • O tratamento que se lle vai dar a nenos e nenas, e outras persoas que precisen tutela. Vanse considerar cidadás de segunda, ou van recibir a renda na mesma contía que o resto das persoas? Eu neste caso defendo unha renda máis reducida para todo o mundo, pero que sexa para todas da mesma contía. Outros modelos que teño visto eran, por exemplo, de rendas máis altas para maiores de idade, e a metade da mesma para menores ou tuteladas. Iso si, serían as persoas titoras as que poidan xestionar a RBU das tuteladas.
    • A cuestión da universalidade real da renda básica. Se só engloba a un país (ou, no mellor dos casos, á UE como defende o Partido Verde Europeo), non se lle pode chamar universal. Xa deixei caer algo deste tema no último parágrafo deste post sobre a xustiza de que a renda fora universal de verdade. De feito, habería que defendela como dereito humano. Iso si, se custa que se poida implementar na UE (que xa ten certa estrutura e capacidade de captación de impostos), facelo a nivel mundial, cunha ONU atada de pés e mans para os problemas importantes e sempre a mercede do voluntarismo dos países sumidoiro (ricos), non semella tarefa fácil.
    • Relacionado co anterior. Cal sería o monto da renda básica universal para cada persoa na actualidade, pero sen erosionar o dereito a acceder á mesma das persoas do futuro? Ou sexa, como se pode ter en conta o feito de que para que en España se estea demandando nalgúns casos que a RBU sexa equivalente ao salario mínimo (ou pouco menos), na maioría dos países do mundo a calidade de vida é moito menor e estamos sometendo ao planeta a unha explotación insustentable? Pódense esixir dereitos sen ter en conta os límites físicos do planeta (e a desigualdade)? Esta última é unha pregunta que toca moito Jorge Riechmann no libro Ecosocialismo Descalzo. Parece que non hai estudos que estimen a canto ascendería unha renda básica universal a nivel planetario. Como primeira proposta que eu faría, podería calcularse a partir da media ponderada por número de habitantes do monto da canastra básica per capita de cada pais. Cantos cartos sería iso? 40 euros/mes? 100? Segundo ese mesmo libro de Ecosocialismo Descalzo, para chegar a unha economía global sustentable habería que contraer o gasto nos países sumidoiro nun 90% (!!!). Iso, claro está, tamén habería que aplicalo á RBU que, sen embargo, tampoco hai que esquecer que é unha ferramenta, cunha altísima potencialidade emancipadora, pero só unha ferramenta máis.


  6. Cachos carne

    enero 5, 2022 by sergio

    A veces me entra la duda de si no seremos simplemente cachos de carne envueltos en trapos. Tal vez Bender tenía razón…


  7. Vivir en estado de acollida

    noviembre 26, 2021 by sergio

    É mellor atoparse en estado de acollida, de apertura ao distinto e ás distintas. Deixar vivir e defender esa liberdade xuntas, moitas e, sempre, bailando.

    O estado de desconfianza, de competencia, de exclusión e de agrupamento acrítico «contra outros» é moi estresante. Amarga a vida, a túa e a do resto.


  8. Queremos ir máis rápido a Madrid?

    noviembre 24, 2021 by sergio

    Moito bombo estes días co da inauguración do AVE Madrid-Galicia. Tantos cartos (e mortes) para ir máis rápido a Madrid? Será para que Galicia se baleire aínda máis rápido…


  9. Ese desexo de xustiza que sae de dentro

    agosto 20, 2021 by sergio

    As relixións poderían ser un apoio, dar unha luz de esperanza a quen precise responder preguntas que non teñen resposta. Está moi ben, se axuda a vivir mellor e se vive como algo persoal. Ademais, se tes a sorte de atoparte con outras persoas para compartir esas crenzas, aínda mellor (somos seres sociais e posiblemente tamén o espiritual é mellor en colectivo).

    Sen embargo, cando se trata do terreal, de aprender a vivir esta vida, eu prefiro que os meus valores estean sustentados na xustiza e non no medo ao alén ou nun actuar acrítico en base a normas antergas nas que non participei. Prefiro esa xustiza que, creo eu, sae de dentro de nós. Esa que, se nos paramos a pensar ben, tratando de deixar de lado dogmas e prexuízos, nos di que é inxusto que vivas peor e con menos oportunidades por nacer nuns lugares con respecto a outros, ou que vivas con máis medo se es muller, ou homosexual, ou algunha minoría étnica/relixiosa/oquesexa. Esa que nos di que é inxusto que esteamos esnaquizando, en vez de adornando, esa casa que nos prestaron os nosos descendentes (que non os nosos antepasados), que é a Terra, porque entón eles non terán nin a oportunidade de vivir nela.

    Ás veces é complicado deixar saír a esa xustiza interior (o cinismo e certo egoísmo que nos da o medo á incerteza da vida son barreiras fortes). Ademais, unha vez que aflora, aínda pode ser máis complicado vivir en coherencia con ela. Pero saber que o estás intentando da moita calma.

    E vós, sentístedes ese desexo de xustiza que sae de dentro? Estades de acordo en que ese «natural desexo de xustiza» vai na liña de solidariedade e irmandade co resto das persoas e a natureza ou é que eu son un hippy flipao?


  10. Cara a sociedade non social

    julio 4, 2021 by sergio

    Novas como esta amosan como cada vez avanzamos más cara unha sociedade cada vez máis individualista nos coidados. Xa non nos fiamos de ninguén fora do noso cada vez máis reducido círculo social. É a sociedade do medo ao estraño, de descoñecer ao vecindario e de que xs nosxs nenxs xoguen ben á vista de nós, preferiblemente no noso patio de muros cada vez máis altos.

    En cambio, cando falamos de elementos tecnolóxicos onde temos que dar datos persoais (incluso moi íntimos), aí si que non temos tantos escrúpulos. É como se nos fiaramos máis do (aparentemente) «non humano» que dos nosos semellantes.

    Para unha especie que baseou toda a súa evolución e momentáneo éxito evolutivo na colaboración cos semellantes, non parece unha deriva moi desexable…