RSS Feed

Cousiñas que me preocupan sobre a Renda Básica Universal

22 enero, 2022 by sergio

Quen me coñeza algo, sabe que son bastante «turras» con este tema. Onte tiven ocasión de estar na presentación do libro Renta Básica: una herramienta de futuro, de Julen Bollaín. Gustoume o enfoque que lle deu, confrontando esta ferramenta da RBU con varios dos que, para el, son grandes retos do futuro. Un deles é os límites físicos do planeta, aos que nos achegamos a unha velocidade preocupante. Aínda non lin o libro, pero pronto caerá…

O que si me fixo pensar a presentación, debate e posterior encontro informal, foi en tres cousiñas que xa hai moito que me preocupan nisto da Renda Básica Universal (nesta entrevista o propio Julen conta de xeito moi clariño o que é a RBU, por se chegades aquí e non vos soa o concepto):

  • O tratamento que se lle vai dar a nenos e nenas, e outras persoas que precisen tutela. Vanse considerar cidadás de segunda, ou van recibir a renda na mesma contía que o resto das persoas? Eu neste caso defendo unha renda máis reducida para todo o mundo, pero que sexa para todas da mesma contía. Outros modelos que teño visto eran, por exemplo, de rendas máis altas para maiores de idade, e a metade da mesma para menores ou tuteladas. Iso si, serían as persoas titoras as que poidan xestionar a RBU das tuteladas.
  • A cuestión da universalidade real da renda básica. Se só engloba a un país (ou, no mellor dos casos, á UE como defende o Partido Verde Europeo), non se lle pode chamar universal. Xa deixei caer algo deste tema no último parágrafo deste post sobre a xustiza de que a renda fora universal de verdade. De feito, habería que defendela como dereito humano. Iso si, se custa que se poida implementar na UE (que xa ten certa estrutura e capacidade de captación de impostos), facelo a nivel mundial, cunha ONU atada de pés e mans para os problemas importantes e sempre a mercede do voluntarismo dos países sumidoiro (ricos), non semella tarefa fácil.
  • Relacionado co anterior. Cal sería o monto da renda básica universal para cada persoa na actualidade, pero sen erosionar o dereito a acceder á mesma das persoas do futuro? Ou sexa, como se pode ter en conta o feito de que para que en España se estea demandando nalgúns casos que a RBU sexa equivalente ao salario mínimo (ou pouco menos), na maioría dos países do mundo a calidade de vida é moito menor e estamos sometendo ao planeta a unha explotación insustentable? Pódense esixir dereitos sen ter en conta os límites físicos do planeta (e a desigualdade)? Esta última é unha pregunta que toca moito Jorge Riechmann no libro Ecosocialismo Descalzo. Parece que non hai estudos que estimen a canto ascendería unha renda básica universal a nivel planetario. Como primeira proposta que eu faría, podería calcularse a partir da media ponderada por número de habitantes do monto da canastra básica per capita de cada pais. Cantos cartos sería iso? 40 euros/mes? 100? Segundo ese mesmo libro de Ecosocialismo Descalzo, para chegar a unha economía global sustentable habería que contraer o gasto nos países sumidoiro nun 90% (!!!). Iso, claro está, tamén habería que aplicalo á RBU que, sen embargo, tampoco hai que esquecer que é unha ferramenta, cunha altísima potencialidade emancipadora, pero só unha ferramenta máis.


No hay comentarios »

No comments yet.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.