RSS Feed

Posts Tagged ‘ética’

  1. Ese desexo de xustiza que sae de dentro

    agosto 20, 2021 by sergio

    As relixións poderían ser un apoio, dar unha luz de esperanza a quen precise responder preguntas que non teñen resposta. Está moi ben, se axuda a vivir mellor e se vive como algo persoal. Ademais, se tes a sorte de atoparte con outras persoas para compartir esas crenzas, aínda mellor (somos seres sociais e posiblemente tamén o espiritual é mellor en colectivo).

    Sen embargo, cando se trata do terreal, de aprender a vivir esta vida, eu prefiro que os meus valores estean sustentados na xustiza e non no medo ao alén ou nun actuar acrítico en base a normas antergas nas que non participei. Prefiro esa xustiza que, creo eu, sae de dentro de nós. Esa que, se nos paramos a pensar ben, tratando de deixar de lado dogmas e prexuízos, nos di que é inxusto que vivas peor e con menos oportunidades por nacer nuns lugares con respecto a outros, ou que vivas con máis medo se es muller, ou homosexual, ou algunha minoría étnica/relixiosa/oquesexa. Esa que nos di que é inxusto que esteamos esnaquizando, en vez de adornando, esa casa que nos prestaron os nosos descendentes (que non os nosos antepasados), que é a Terra, porque entón eles non terán nin a oportunidade de vivir nela.

    Ás veces é complicado deixar saír a esa xustiza interior (o cinismo e certo egoísmo que nos da o medo á incerteza da vida son barreiras fortes). Ademais, unha vez que aflora, aínda pode ser máis complicado vivir en coherencia con ela. Pero saber que o estás intentando da moita calma.

    E vós, sentístedes ese desexo de xustiza que sae de dentro? Estades de acordo en que ese «natural desexo de xustiza» vai na liña de solidariedade e irmandade co resto das persoas e a natureza ou é que eu son un hippy flipao?