RSS Feed

A vontade de cambio como motor da transformación social

20 abril, 2023 by sergio

Quenes nos adicamos á facilitar procesos de transformación social podemos pensar que temos un traballo especial. En realidade todo o mundo participa na transformación social, pero hai un par de pequenas diferencias con respecto a quen o temos como traballo (sexa ou non remunerado).

Unha de fondo, que é que temos moi en conta o tipo de transformación social que queremos conseguir. Na nosa burbulla de buenismo, cando falamos de transformación social sempre pensamos que queremos transformar para mellor. Pero, que é mellor? Pois xa hai uns aniños que a tendencia é considerar unha transformación social para mellor aquela que busca a igualdade de oportunidades para buscar a autorealización, con todo o que iso representa. E todo iso, asegurando os dereitos humanos de/en todo o mundo (incluidas as xeneracións vindeiras, que non van herdar este planeta, senón que nolo están prestando). O ben común, e tal.

E logo está a de forma, que é a conciencia (ou consciencia?) de QUERER facer ese cambio para mellor. Porque xa comentaba que case todo o mundo, polo feito de existir, está provocando cambios sociais. Pero moitas veces son cambios afondando nunha tendencia social determinada, tendencia que algunhas pensamos que é autodestructiva, e que se fan por inercia («sin querer queriendo«). Provocar que as persoas QUERAN facer ese cambio para mellor, empezando por nós con pequenos pasos e liñas vermellas que imos movendo e compartindo colectivamente, é o quid da cuestión.

Eses cambios precisan unha masa crítica, como as ondas que xenera unha pedra nun estanque. Primeiro ten que estar a pedra… Creo que xa o teño mencionado, pero ao final, dinamizar procesos de transformación social xusta ten moito que ver con provocar aludes empurrando pequenas pedriñas na neve. A algunhas tras o empurrón se lles acompaña tratando de facilitar que sigan rodando e crecendo (e pode que se chegue a algo grande, ou que queden no camiño, algo sempre quedará). Noutros casos algunha que parecía que non chegaría a nada, que nin se lle prestou atención despois de empurrala, acaba cun alude tremendo de cambios. O empurrón é necesario, pero non suficiente. É a vontade de querer cambiar as cousas a que fai seguir rodando e crecendo.

A cuestión é como fortalecer esa vontade colectiva de cambio.. Por que vou querer cambiar os meus hábitos de consumo, as 3R e todo iso, se non é o habitual entre quen me rodea, non me interpela directamente todo iso do hiper-extractivismo e, o cambio climático está cerca, pero á vez o vexo lonxe? Por que vou buscar igualdade de oportunidades apoiando a outras persoas e colectivos (fenda de xénero, persoas en situación de pobreza, capacitismo, etc., e non digamos se están lonxe como persoas en situación de vulnerabilidade polo feito de estar en países empobrecidos) se iso implica certo esforzo e renuncia persoal e o vexo como unha gotiña nun mar? Dicir «todo o que faga eu non vai valer de nada, xa están outros a facelo mal» (excusa para non facer nada?, que diría Pantomima Full se fixeran un vídeo dos seus sobre CAMBIAR O MUNDO).

Ver documentais sobre o que pasa no mundo, sobre as inxustizas que nos poden revolver máis ou menos (depende do lonxe que estean), coñecer de primeira man estas situacións e compartir reflexións con persoas con certas inquietudes nestes temas é un primeiro paso moi importante. Pero todo iso, tomarse a pastilla vermella, se pode facer case dende o sofá… Se non se lle da vía libre á vontade de cambios ante as inxustizas, nós pasaremos polo mundo e a vida, pero non o mundo e a vida por nós.


1 comentario »

  1. […] A vontade de cambio como motor da transformación social […]

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *