RSS Feed

Hipocresía e demagoxia ante a guerra

29 abril, 2022 by sergio

«E agora tí, tan pacifista e hipi, que farías co Putin? Deixarlle que faga o que lle dea a gana? Como te vas opoñer a que se lle manden armas?«.

Este sería o típico comentario ao que as persoas que, coma min, somos antibelicistas convencidas, temos que enfrontarnos dende que ao megalómano lle deu por atacar Ucraína.

HIPOCRESÍA. Pero claro, o gas ruso o seguimos precisando (e comprando) para manter o noso tren de vida (que é moito máis que quencer a casa, non imos agora poñernos mexericas como se escoita por aí con tremendismo, aidiormío que imos pasar frío, que ao final a enerxía que usamos para quencer a casa é ben pouquiño comparado coa total). Xa vos digo eu que nas aldeas de Galicia frío non ían pasar moito aínda que faltara o gas. E non se trata de que todo o mundo se poña agora a queimar leña, pero eses que nos chaman hipis non queren lembrar que tamén somos a xente da ecoloxía política e o activismo polos dereitos humanos a que levamos anos dicindo que tanto falar de soberanía en forma de bandeiras e himnos ben puideran telo feito en forma de defender a soberanía enerxética coa participación da xente da España baleirada (e tamén da soberanía alimentaria, mirade agora o prezo dos cereais) e un sistema de impostos máis progresivo e buscando a renda básica universal (mirade a inflación e as subidas de prezos).

DEMAGOXIA. As persoas antibelicistas o somos de xeito estrutural. Cando comeza unha guerra «visible» como a de Ucrania, xa hai anos que leva habendo en realidade unha guerra soterrada (ou non tan soterrada, pero é mellor mirar cara outro lado ante Crimeas e outras fantochadas dun tipo que se cree unha mestura de Stalin e o zar que prefirades, eu sempre o imaxino como o desta serie). Así que cando estamos en situación de guerra, non é momento de preguntar que podemos facer aparte de enviar armas. Mandar armas e pegar tiros sempre é o fácil (para quen non ten que ir á fronte ou aguantar na retaguardia privacións e destrución). Pero coidar de que non se chegue a iso, e pechar a billa DE VERDADE aos negocios coas elites do país que poden presionar a quen decide, vai contra moitos intereses (de poucas persoas) que seguen enriquecéndose. E a cidadanía teriamos que pedir á clase política, que pode ter man no modelo enerxético e alimentario que nos rexe, que empece a mirar a medio e longo prazo e de xeito que beneficie á maioría, non a 4. E mirar tamén nós dese xeito como persoas de rúa, claro, porque parece dunha gran inxenuidade pedir a quen está en política máis iluminación e visión de futuro da que temos nós.


No hay comentarios »

No comments yet.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *