RSS Feed

Mellorar a Cooperación Universitaria para o Desenvolvemento

6 noviembre, 2024 by sergio

Con motivo do décimo aniversario da Rede Galega de Cooperación Universitaria para o Desenvolvemento, propuxéronme contestar unhas preguntiñas ben peliagudas.

– Como pensades que debe fortalecerse o Sistema de Cooperación Universitaria en Galicia? Ademáis de maiores recursos económicos, cal sería a mellor fórmula?

  • Clarificar a posición da cooperación no organigrama das universidades, dándolle estabilidade e visibilidade (ou sexa, non facéndoa desaparecer do nome das vicerreitorias ou áreas onde están encadradas, darlles importancia no organigrama, non mudándoas de lugar cada dous por tres…)
  • Integrar dunha vez por todas na cultura organizacional, o feito de que as universidades públicas son axentes de cooperación. Tamén son responsables de promover a educación para a cidadanía global dentro do seu desempeño como referentes sociais da educación formal superior e a investigación. Non só isto, deben actuar como faros na investigación e formación de persoas para enfocarse ás grandes problemáticas actuais, que non son que as empresas gañen cartos, senón a transición ecosocial (xusta, inclusiva e sustentable).
  • Incluir contidos concretos nas carreiras (materias específicas e contidos dentro de materias) cun enfoque de coidados para persoas e planeta.
  • Revisar os criterios de valoración de méritos de investigación e ensino, incluindo con máis puntaxe proxectos como os de Aprendizaxe-Servizo, participación en cooperación e, no caso concreto das carreiras técnicas, investigación cun enfoque de coidados para persoas e planeta.
  • Integrar en igualdade de condicións que, por exemplo, as empresas privadas, no día a día das universidades, ás entidades de cooperación e dereitos humanos (por exemplo na participación en Consellos Sociais).

– Por que pensades que existen diferencias entre o nivel de implicación na Cooperación Universitaria entre as diferentes autonomías do conxunto do Estado?

Non teño moita información sobre estas diferencias, pero creo que neste caso é cuestión de aposta financiera e de recursos humanos dentro das universidades enfocados á cooperación universitaria. Tamén pode influir a traxectoria no eido social (caso claro é Euskadi).

– Por que hai alumnado/PDI máis implicado nunhas comunidades autónomas que en outras, cal é a diferencia?

Non me consta que sexa así no caso do alumnado, no caso do PDI pode ter que ver coa pregunta anterior. O sistema obriga a publicar ou morir, e publicacións que dificilmente valoran certos enfoques, coa excusa dunha presunta (e falsa) neutralidade da ciencia.

– Cales son os maiores retos do traballo conxunto entre os diferentes actores da Cooperación ao Desenvolvemento (ONGDs, Empresas, etc) e o Sistema Universitario en Galicia?

Burocracia tremendamente empobrecedora de procesos (que non mellora a súa calidade nin fai máis transparente a rendición de contas), por forzar prazos non coincidentes cos dos procesos de desenvolvemento. Isto bota para atrás tanto ao resto de actores á hora de colaborar, como das PDI que teñen que pelexar con esa maquinaria burocrática. É urxente revisar isto, porque posiblemente sexa a maior barreira agora mesmo.

– Pensades que hai un «modo de facer» cooperación ao Desenvolvemento diferente en Galicia?

Non creo que haxa un modo de facer distinto, pero tal vez si unha visión de “onde vimos que”, por estar nunha rexión aínda bastante rural con gran conexión co sector agropesqueiro, permite empatizar e mesmo comprender mellor as realidades doutros lugares en países empobrecidos.

– Nunca se falou tanto de solidariedade grazas a Axenda 2030, nembargantes actores clave entrevistados nos últimos meses pensan que a aposta por transversalizar os ODS na Universidade son algo máis vinculado á «imaxe» que a accións transformadoras «de fondo». Qué pensades?

Os ODS poden ser algo simbólico, de metas a acadar que poden mellorar a vida de moitas persoas. É importante como símbolo, as imaxes son importantes. O problema é que en demasiadas ocasións todo quedou só na imaxe, dificultado sobre todo por esa burocracia e esa visión un pouco condescendente de quen acaba tendo poder de decisión con respecto a “as hippies que fan cooperación e buscan un mundo mellor”. As miran benévolamente, mentres non molesten moito ou cuestionen o status quo establecido de hiperconsumo, servidume aos grandes capitais (que, por outra banda, en realidade non se cuestionan como o único modo de organización económica, e que a desigualdade sempre existirá). Se considera en realidade dende estas altas instancias que a cooperación universitaria non debe cuestionar o ordenamento político e socioeconómico cara un mundo xusto, inclusivo e sustentable, senón que se lles deixa o espazo de “poñer parches” para que estean entretidas.

– Como se pode atraer ao alumnado universitario á temática da CUD a través da comunicación nun mundo saturado de información?

A idea principal sería que hai que deixar libre tempo para que o alumnado “faga o que queira”. Están nunha idade para explorar, e dende Bolonia hai unha “ocupación do tempo” brutal, que non permite a autoxestión como parte da aprendizaxe para a cidadanía. Ademais, moitas clases son obligatorias, como se voltaran á primaria. A paternalización do ensino superior ten que rematar. Deste xeito, pode haber espazo para o activismo e explorar voluntariados en temáticas que lles toquen, como pode ser o da cooperación e os dereitos humanos, que son temáticas moi vinculadas a un sentido ético e moral máis fondo.

Mentres o anterior non se consigue, pode haber opcións para incluir esta temática (pero non hai que perder de vista que sempre serán menos sistémicas, polo que non deberían servir de vía de escape ou acomodo para non mudar o anterior). Unha é que as actividades e formacións no eido da cooperación se recoñezan academicamente, e se visibilice e anuncie ese recoñecemento para que todo o mundo o coñeza. Se alguén quere facer unha formación ou voluntariado neste eido no pouco tempo que teña libre, polo menos que lle sirva para cubrir horas lectivas. Isto se está implementando cada vez máis, pero aínda hai moito descoñecemento e fai falta contar con persoas na universidade para tender pontes coas organizacións que poden facilitar e guiar ese voluntariado.


No hay comentarios »

No comments yet.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *