
Posts Tagged ‘galego’
-
Robi Robot. Mata
diciembre 31, 2025 by sergio
Category O escritorio | Tags: ambiente,castellano,galego,Robi Robot | No Comments
-
Líbrame dos libros?
noviembre 21, 2025 by sergio
Anacos doutras vidas son os libros
E nun momento poden chocar coa nosa
Ler é compartir a vida doutras co perigo
de tal vez esquecer vivir a vida propia
Algúns libros abren camiños no cerebro
Outros manteñen abertos os que temos
Outros como raios X simplemente o atravesan
Outros como raios gamma arrasado o deixanCategory O escritorio | Tags: galego,libros,poesía | No Comments
-
Triloxía de Sar
julio 9, 2025 by sergio
Verde e branda venda, no corazón Compostelán
curando feridas de fume e alquitrán
I. AS BRAÑAS
Somos esponxas da terra
enxugando paseniño
gotiñas que foxen da guerra
entre a choiva e a grava dos camiños
Gotas que logo pouco a pouco
serán unha preciosa ofrenda
ao pai Sar que zigzaguea louco
cheo de retranca e de fachenda
Acubillamos a pequenas vidas
Árbores, herbas, bolboretas e flores
raposos, ras, esquíos e anduriñas
quebracabezas vivinte de fermosas cores
Pero é á noite cando máis nos presta
coa compaña de lúa e estrelas
e da luz lonxana que da cidade chega
a ferir o chan entre as follas mestas
En tempos escuros vestirnos quixeron
con roupas cincentas de frío cemento
Salvámonos grazas a xentiña boa
que vive na luz e escoitou o lamento
E aquí seguimos mirando adiante
correndo, xogando, con Gaia falando
E esa xente boa de corazón grande
ás Brañas de Sar por sempre coidando
II. A COLEXIATA
Ben vestida de muros viventes
Con máis anos que as pedras máis vellas
Piares tortos que o tempo resisten
Falando co tempo sobre as nosas cabezas
Non esmorece o xardín na súa gaiola
entretido pola música da gaita
e polos berros da nenez que resoan
no val do pai Sar e polas Brañas
III. O RÍO
O Sar chega sen ruído, quedo
alborota na ponte das Fontes
e asústase ao escoitar os berros
na Caldeira na que loitan os xigantes
Entra derrapando polas Brañas
E lembra os bos tempos cos muíños
que xa hai moito tempo que descansan
sen maltratar ao gran, fican tranquilos
Coida das vacas que sen présa pastan
Escoita ledo os nenos xogando
Búrlase traveso da pobre e vella ponte
e á altiva Colexiata saúda de lonxe
Desfruta do Granell e vai marchando
baixo monstros de cemento e asfalto
para desfrutar dese gran Banquete
e á Rocha Forte espertar berrando
antes de atopar de novo verdes sendas
para ao fin unirse ao Sarela amado
Category O escritorio | Tags: Compostela,galego,poesía | No Comments
-
Apágase o mundo
mayo 5, 2025 by sergio
Só cando se apaga o noso mundo
sentimos empatía coas vulnerables
Os nosos dereitos son un sono profundo
que nada serve se se fai sobre cadáveresXirar a billa para que mane o líquido
Cun interruptor facer que brille a luz
Darlle a un botonciño e escoitar voces amigas
sentirse cerca tocando máxicas ventásSaber o que pasa antes de que pase
Sentirse amparadas cando a sorte as costas da
Estar coidadas ante a enfermidade
e dun frío eterno manxares sacarOs coidados manteñen a vida, queremos
que sigan servindo para amasar fortunas?
Só nun cataclismo, nunha gran traxedia
pode a Humanidade ser de verdade humana?Category Desarrollo Sostenible y Decrecimiento (un modo de vivir), O escritorio | Tags: galego,poesía | No Comments
-
De catástrofes, entrañas e curtopracismo
noviembre 10, 2024 by sergio
Bravo pola axuda e esa solidariedade que sae de dentro ante situacións horribles para semellantes. Estes días temos exemplos de sobra desta solidariedade, que fai ter máis esperanza na humanidade, pero que tamén me leva a reflexionar que, en realidade, non estamos preparadas para pensar a medio e longo prazo (e iso pode ser a nosa perdición).
Un exemplo de como nos movemos máis polas entrañas que pola cabeza, son as avalanchas de doazóns e voluntariado cando hai un desastre como a DANA en levante. A coordinación cos actores locais é clave para non causar máis mal que ben. Nestes casos é máis interesante a axuda económica, porque:
- permite adaptarse mellor ao realmente necesario en cada momento e lugar
- permite facer compras a gran escala para mellorar custos, pero tamén a pequena escala se se quere para promover o mercado local que quedou danado
- se se fai con entidades serias, permite unha maior transparencia, maior coordinación e enfoque da axuda
Con respecto a este último punto, preocúpame moitísimo que estes días algunha xente promove un descrédito das ONG e organizacións expertas en traballar nestes temas e moita xente está indo pola súa conta ou, peor, a través de personaxes que non teñen nin idea de facer as cousas (como o que dixo que agora igual lle van encima os de facenda).
Na organización onde hai anos que traballo (e moitos máis que milito), Enxeñería Sen Fronteiras (ESF), non traballamos o tema de emerxencias. Para iso hai outras organizacións especializadas, e moi solventes. En ESF somos máis de ver o que hai detrás que provoca estas situacións, para poder actuar sobre as causas (o que estamos vivindo estes días é «poñer parches», que é o urxente, pero o urxente non pode tapar o importante). Con esa «deformación ESFeira» (xa é moito tempo en ESF), para min as leccións aprendidas desta catástrofe son, por orde de importancia:
- Ser conscientes de que os eventos extremos sempre estiveron aí, pero agora estarán máis e serán máis extremos, porque o clima xa non é o que era. BASTA DE NEGACIONISMO.
- Informarse sobre os problemas de cambio climático, como podo eu contribuir eu na miña vida diaria a non empeoralo. Facelo con honestidade e sen cinismo (iso de «total, se non o fago eu o fará o resto» é o que nos vai condenar como especie).
- Informarse e actuar en consecuencia sobre que medidas propoñen e desenvolven (ou deixan de propoñer ou desenvolver) os distintos partidos políticos. Para min, o tema ambiental é un dos grandes problemas aos que nos enfrentamos. A estratexia do avestruz non serve aquí, nin o de que ninguén se atreve a «apagar a música no medio da festa» para enfocarse a reducir consumo, tratar de facer desenvolvemento máis endóxeno (de cercanía e adaptado a recursos existentes nas distintas zonas). e facer ordenación territorial axeitada ao clima e a capacidade de acollida do territorio. Iso hai tempo que deixou de ser unha festa.
- Temos un mecanismo de solidariedade interterritorial, esa «lotería que toca onde ten que tocar» (como escoitamos cansinamente cada vez que chega a lotería de Nadal). CHÁMASE IMPOSTOS. Temos un estado que ten que dar servizos públicos que, precisamente, actúan seguro social. Ou sexa, que se veñen mal dadas (porque me poño enfermo, ou quedo sen traballo, ou hai unha emerxencia e quedo sen casa), temos un pacto social para protexer a quen sufre unha desas situacións. Iso é o que nos fai ser un país, esa solidariedade do pacto social. Os impostos son a clave para manter estes servizos, así como é importante a transparencia das administracións públicas no uso dos impostos, a simplificación da burocracia e eliminar a «violencia administrativa», e que haxa espazos para que a sociedade civil poida participar e controlar á administración. Así que eu desconfío de quen vén anunciando a bombo e platillo «rebaixas de impostos», porque non estamos nunha época onde cada unha teña que loitar polo seu lado. Xuntas é como somos máis fortes.
- Unha vez que hai emerxencias, hai que deixar traballar ás profesionais e informarse moi ben sobre como axudar, se poñerse en manos de gurús nin do buenismo da emoción (de boas intencións está empedrado o camiño ao inferno 😜). Iso non significa non facer nada, pero facelo con sentidiño
Category Cooperación para el Desarrollo (más que un trabajo) | Tags: cambio climático,emerxencias,galego,ONG,valencia | 1 Comment
-
Mellorar a Cooperación Universitaria para o Desenvolvemento
noviembre 6, 2024 by sergio
Con motivo do décimo aniversario da Rede Galega de Cooperación Universitaria para o Desenvolvemento, propuxéronme contestar unhas preguntiñas ben peliagudas.
– Como pensades que debe fortalecerse o Sistema de Cooperación Universitaria en Galicia? Ademáis de maiores recursos económicos, cal sería a mellor fórmula?
- Clarificar a posición da cooperación no organigrama das universidades, dándolle estabilidade e visibilidade (ou sexa, non facéndoa desaparecer do nome das vicerreitorias ou áreas onde están encadradas, darlles importancia no organigrama, non mudándoas de lugar cada dous por tres…)
- Integrar dunha vez por todas na cultura organizacional, o feito de que as universidades públicas son axentes de cooperación. Tamén son responsables de promover a educación para a cidadanía global dentro do seu desempeño como referentes sociais da educación formal superior e a investigación. Non só isto, deben actuar como faros na investigación e formación de persoas para enfocarse ás grandes problemáticas actuais, que non son que as empresas gañen cartos, senón a transición ecosocial (xusta, inclusiva e sustentable).
- Incluir contidos concretos nas carreiras (materias específicas e contidos dentro de materias) cun enfoque de coidados para persoas e planeta.
- Revisar os criterios de valoración de méritos de investigación e ensino, incluindo con máis puntaxe proxectos como os de Aprendizaxe-Servizo, participación en cooperación e, no caso concreto das carreiras técnicas, investigación cun enfoque de coidados para persoas e planeta.
- Integrar en igualdade de condicións que, por exemplo, as empresas privadas, no día a día das universidades, ás entidades de cooperación e dereitos humanos (por exemplo na participación en Consellos Sociais).
– Por que pensades que existen diferencias entre o nivel de implicación na Cooperación Universitaria entre as diferentes autonomías do conxunto do Estado?
Non teño moita información sobre estas diferencias, pero creo que neste caso é cuestión de aposta financiera e de recursos humanos dentro das universidades enfocados á cooperación universitaria. Tamén pode influir a traxectoria no eido social (caso claro é Euskadi).
– Por que hai alumnado/PDI máis implicado nunhas comunidades autónomas que en outras, cal é a diferencia?
Non me consta que sexa así no caso do alumnado, no caso do PDI pode ter que ver coa pregunta anterior. O sistema obriga a publicar ou morir, e publicacións que dificilmente valoran certos enfoques, coa excusa dunha presunta (e falsa) neutralidade da ciencia.
– Cales son os maiores retos do traballo conxunto entre os diferentes actores da Cooperación ao Desenvolvemento (ONGDs, Empresas, etc) e o Sistema Universitario en Galicia?
Burocracia tremendamente empobrecedora de procesos (que non mellora a súa calidade nin fai máis transparente a rendición de contas), por forzar prazos non coincidentes cos dos procesos de desenvolvemento. Isto bota para atrás tanto ao resto de actores á hora de colaborar, como das PDI que teñen que pelexar con esa maquinaria burocrática. É urxente revisar isto, porque posiblemente sexa a maior barreira agora mesmo.
– Pensades que hai un «modo de facer» cooperación ao Desenvolvemento diferente en Galicia?
Non creo que haxa un modo de facer distinto, pero tal vez si unha visión de “onde vimos que”, por estar nunha rexión aínda bastante rural con gran conexión co sector agropesqueiro, permite empatizar e mesmo comprender mellor as realidades doutros lugares en países empobrecidos.
– Nunca se falou tanto de solidariedade grazas a Axenda 2030, nembargantes actores clave entrevistados nos últimos meses pensan que a aposta por transversalizar os ODS na Universidade son algo máis vinculado á «imaxe» que a accións transformadoras «de fondo». Qué pensades?
Os ODS poden ser algo simbólico, de metas a acadar que poden mellorar a vida de moitas persoas. É importante como símbolo, as imaxes son importantes. O problema é que en demasiadas ocasións todo quedou só na imaxe, dificultado sobre todo por esa burocracia e esa visión un pouco condescendente de quen acaba tendo poder de decisión con respecto a “as hippies que fan cooperación e buscan un mundo mellor”. As miran benévolamente, mentres non molesten moito ou cuestionen o status quo establecido de hiperconsumo, servidume aos grandes capitais (que, por outra banda, en realidade non se cuestionan como o único modo de organización económica, e que a desigualdade sempre existirá). Se considera en realidade dende estas altas instancias que a cooperación universitaria non debe cuestionar o ordenamento político e socioeconómico cara un mundo xusto, inclusivo e sustentable, senón que se lles deixa o espazo de “poñer parches” para que estean entretidas.
– Como se pode atraer ao alumnado universitario á temática da CUD a través da comunicación nun mundo saturado de información?
A idea principal sería que hai que deixar libre tempo para que o alumnado “faga o que queira”. Están nunha idade para explorar, e dende Bolonia hai unha “ocupación do tempo” brutal, que non permite a autoxestión como parte da aprendizaxe para a cidadanía. Ademais, moitas clases son obligatorias, como se voltaran á primaria. A paternalización do ensino superior ten que rematar. Deste xeito, pode haber espazo para o activismo e explorar voluntariados en temáticas que lles toquen, como pode ser o da cooperación e os dereitos humanos, que son temáticas moi vinculadas a un sentido ético e moral máis fondo.
Mentres o anterior non se consigue, pode haber opcións para incluir esta temática (pero non hai que perder de vista que sempre serán menos sistémicas, polo que non deberían servir de vía de escape ou acomodo para non mudar o anterior). Unha é que as actividades e formacións no eido da cooperación se recoñezan academicamente, e se visibilice e anuncie ese recoñecemento para que todo o mundo o coñeza. Se alguén quere facer unha formación ou voluntariado neste eido no pouco tempo que teña libre, polo menos que lle sirva para cubrir horas lectivas. Isto se está implementando cada vez máis, pero aínda hai moito descoñecemento e fai falta contar con persoas na universidade para tender pontes coas organizacións que poden facilitar e guiar ese voluntariado.
Category Cooperación para el Desarrollo (más que un trabajo) | Tags: cooperación,galego,universidade | No Comments
-
Querer a alguén
septiembre 1, 2024 by sergio
Cando queres moito a alguén, dalgún modo vives máis a túa vida porque tamén a vives mirándoa cos seus ollos
Category El sofá de la sala (pensamientos y tertulias...) | Tags: amor,galego | No Comments
-
Egoísmos de curto prazo e de longo prazo
julio 2, 2024 by sergio
Hai xente que, sen ter nin idea de teoría de sistemas, di que o cambio climático non existe…, ou que sen saber nada de socioloxía, historia ou psicoloxía opinamos sobre a opresión patriarcal (e tamén a negamos…).
En fin, que o problema non é que haxa datos. A min, como ONjeta e persoa política, interésame cal é a causa e cal é o xeito de solucionalo. A ciencia pode axudar a medir un fenómeno que pode ser un síntoma dun problema, mesmo nalgún caso pode dar pistas de por onde tirar (como no caso do quecemento global a redución de fósiles e emisións de CO2, que de tódolos xeitos non se está facendo).
Pero en temas sociais é cuestión de valores e filosofía de vida que cada unha temos. Uns preferirán facer muros cada vez máis altos con moitos robots e drons vixiantes que non deixen entrar ás persoas (pero si o coltán e os cartos), ou deixar só «a quen vén con traballo», e outros preferirán traballar (en serio) para que a xente non teña que deixar as súas aldeas e familias e poidan gañar a vida dignamente no seu lugar de orixe (a non ser que lles apeteza ir de turismo). Ao final é así de simple, logo se pode dar todas as voltas que queran.Todo na «polis» se reduce a valores e ao pacto social que queremos asinar, mesmo a ciencia e a tecnoloxía se poñen ao servizo (e nacen no contexto) dun tipo de sistema valores. Por iso aínda hoxe a maioría de grandes avances e inversións I+D+I son na industria militar, hai xente que lle mola a carreira polos recursos e a xeopolítica, gañar cartos sen importar de onde veñen nin que ou a quen se explota, e logo poñer barreiras para que a xente a quen se está explotando (a ela directamente, ou ao seu ambiente e medios de vida) non poida vir aquí porque nos quitan o traballo e nos traen as súas costumes bárbaras. Ou falan de que hai que fabricar máis e máis (por moito que fagan greenwashing falando de «economía circular») para facer medrar o PIB (ou máis ben a desigualdade, que xa sabemos que «diñeiro chama a diñeiro»).
Todo ese montaxe de crecer sen sacar a cabeza do burato, poñendo muros e dicindo iso de «que me quede como estou» eu o chamo egoísmo curtopracista. Pode funcionarnos como sociedade suxeita a un planeta finito a curto prazo, pero a medio e logo eu creo que non, aínda que tal vez me equivoque… Logo está o egoísmo a longo prazo, que tamén é para estar ben e salvarnos como sociedade (o altruismo sempre ten un punto egoísta ;D), pero que defende que tal vez se máis xente no mundo vive dignamente e adaptamos máis o noso consumo ao sistema terrestre no que vivimos (o cal implica que toca repartir), é máis sinxelo que non vaiamos todas para o carallo. Iso si, eu son pesimista porque a humanidade cústalle demasiado pensar a medio-longo prazo. O egoísmo curtopracista vende moi ben e nos entra mellor na cabeza, porque a temos feita para pensar así… Se é que até hai virus mellor adaptados que nós ao hábitat que os sustenta, que pena! 😥
Category Desarrollo Sostenible y Decrecimiento (un modo de vivir), Sin categoría | Tags: cambio climático,egoísmo,galego,sociedade | No Comments
-
Xogando a pensar no futuro
junio 19, 2024 by sergio
Onte estiven xogando a imaxinar bos futuros en distintos escenarios e como chegar a eles dende diferentes roles, enfrontando distintas ameazas (trends), grazas ao Post-growth Innovation Lab e ao seu proxecto Explicit.
Para o xogo, empregaban a metodoloxía ABIS, desenvolto pola Joint Research Centre da Comisión Europea, adaptando algúns elementos.
A min tocoume o rol de PolicyMaker e, tal vez porque viña xa con nesgo xa da casa, pero no desenvolvemento do xogo nos 2 escenarios que xogamos, o papel dunha sociedade civil autoorganizada, crítica e enfocada ao ben común, foi clave. O foi nun escenario de forte planificación de arriba a abaixo (top-bottom), como contrapeso e mobilización contra o control excesivo e cooptación da cidadanía organizada para realizar o que en Centroamérica chaman «veeduría social», pero tamén no escenario de descentralización como xeito de permear enfoques transformadores e preocupados polo ben común global (para non caer en fragmentación de políticas que, no tema de dereitos humanos e de sustentabilidade, non funcionan ben).Dende o rol que eu xogaba, o feito de impulsar políticas aliñadas coas necesidades e demandas da poboación, sobre todo da máis afectada polos desafíos que tiñamos que afrontar en forma de cambio climático-escaseza de recursos-irrupción da IA, foi importante para un bo resultado do meu rol. Penso que as políticas de inclusión, dereitos humanos e sustentabilidade deben impulsarse cada vez máis trascendendo os estados-nación para asegurar dereitos globais , pero adaptándose ás necesidades de cada territorio. As competencias entre estados-nación son nefastas para abordar conxuntamente os desafíos que temos por diante, porque os dereitos das persoas e a sustentabilidade ambiental quedan sempre en segundo plano
Unhas administracións públicas que garantan dereitos cada vez máis globais e enfocadas á rendición de contas e transparencia, tamén serán claves. Non pode haber países de primeira división ou de segunda no aseguramento dos dereitos das persoas e os pobos
As empresas deben integrar cada vez máis os valores sociais e ambientais na súa razón de ser para superar os desafíos que veñen, sen enfocarse unicamente na maximización monetaria a curto prazo. Non convén deixar aos grandes poderes económicos influencia nas políticas sociais e ambientais.

Os desafíos que sempre había que ter presentes (en cada ronda ademais emerxía outro máis) 
Os roles existentes 
A disposición do taboleiro de xogo 
A primeira partida, cara un escenario (o círculo laranxa no centro do taboleiro) de Planificación Centralizada tendo moi en conta os límites do crecemento Category Desarrollo Sostenible y Decrecimiento (un modo de vivir), Jugar es vivir | Tags: futuro,galego,modelos de desenvolvemento,sociedad civil,xogos | No Comments
-
A présa non se leva ben coa xustiza
enero 17, 2024 by sergio
O debate sobre a transición enerxética xusta vai crecendo en intensidade. Eólicas si pero non así, que en Galicia e outras zonas do norte peninsular se converteu en lema, vén poñer de manifesto que hai moitas persoas afectadas pola onda das infraestruturas de produción descentralizada (e en moitos casos distribución) de enerxías renovables.
Deixando de lado o debate de se o quecemento global é real ou non (iso só o pon en dúbida unha minoría que, seguramente, pronto abrazará o ecofascismo máis recalcitrante), e tamén a dificultade dunha electrificación rápida con renovables da sociedade (da nosa sociedade occidental, porque nestes debates, naturalmente, sempre quedan fora os países empobrecidos), quería deixar aquí a visión de base que creo que debería guiar unha transición enerxética xusta.
Se falamos de «eólicas si, pero non así» a pregunta seguinte para alguén que quere solucionar este problema é «e entón como»?
Falando deste «como», en contextos do progresismo verde, o ecoloxismo e a ecoloxía política, vense dando un espectro de opinións que oscilan entre dúas tendencias.
Unha é que temos moita présa para acabar cos combustibles fósiles, causantes maiores do quecemento global. Pero temos que buscarlles dende xa substitutos, porque non queremos que as nosas fábricas, casas e coches queden sen enerxía. Eses substitutos teñen que ser, si ou si, baseados en enerxía renovable. E o que non se fixo nos pasados 40 anos agora haino que facer ás présas.
A outra vén máis dende os movementos e plataforma de defensa dos territorios que poden verse afectados pola instalación destas infraestruturas, así como por persoas que pensan que, polo menos en Galicia, xa hai eólicas dabondo e xa se produce enerxía suficiente (en realidade, se contabilizamos o transporte, Galicia está lonxe do autoconsumo) ou tamén por activistas menos tecno-optimistas, que vén esa carreira das renovables como un parche que non soluciona o verdadeiro problema do sistema hiperconsumista (e que vai transformar uns problemas noutros).
Din que as présas sempre foron malas conselleiras. Isto, para min, é manifestamente certo cando falamos de compensacións, participación social e pacto social para un novo sistema, eléctrico e productivo, que non deberiamos separalos dada a magnitude do problema. Non é tempo de poñer parches e fai falta poñer unhas bases ético-políticas que sustente o modelo de transición enerxética que queremos poñer en marcha. O «como».
Eu identifico aquí dous grandes enfoques ético-políticos, que ademais me parecen bastante incompatibles, así que tocaría decantarse por un ou outro ante un futuro de incertidume:
- un sería poñer os esforzos en revertir a toda costa os problemas do quecemento global, coa idea de manter o planeta habitable para a nosa especie (e outras, pero non nos enganemos, aquí falamos de humano-centrismo). Iso pasa por facer sacrificios en nome dunha présa que nos empurra a actuar xa, aínda que haxa efectos colaterais negativos e poidan ser moitos. A supervivencia da especie é a clave aquí
- o outro enfoque sería priorizando máis a igualdade como xustiza social, tomándose o tempo preciso para asegurar unha participación e apropiación das persoas do modelo ao que queremos tender. Pode ser que a demora faga que o quecemento sexa maior (non sabemos ben canto nin a magnitude dos efectos que, en calquera caso, xa van ser grandes), pero prima o «ou todas ou ningunha«.
Persoalmente, estou máis co segundo enfoque. Tal e como está organizado o mundo, o primeiro enfoque penso que vai servir para que os que máis culpa teñen do problema climático sexan os que sobreviven, tanto eles como as súas estruturas de opresión (isto xa o tocou Snowpiercer hai moitos anos, ou o Conto da Criada). Así que a min, se non é con toda a xente, non me interesa que «a especie» se salve. Ao fin e ao cabo non somos tan especiais, aínda que a moita xente lle axude a vivir pensar que si…
Category Desarrollo Sostenible y Decrecimiento (un modo de vivir) | Tags: eólicas,galego | No Comments
