RSS Feed

Posts Tagged ‘galego’

  1. Cara a sociedade non social

    julio 4, 2021 by sergio

    Novas como esta amosan como cada vez avanzamos más cara unha sociedade cada vez máis individualista nos coidados. Xa non nos fiamos de ninguén fora do noso cada vez máis reducido círculo social. É a sociedade do medo ao estraño, de descoñecer ao vecindario e de que xs nosxs nenxs xoguen ben á vista de nós, preferiblemente no noso patio de muros cada vez máis altos.

    En cambio, cando falamos de elementos tecnolóxicos onde temos que dar datos persoais (incluso moi íntimos), aí si que non temos tantos escrúpulos. É como se nos fiaramos máis do (aparentemente) «non humano» que dos nosos semellantes.

    Para unha especie que baseou toda a súa evolución e momentáneo éxito evolutivo na colaboración cos semellantes, non parece unha deriva moi desexable…


  2. Apertas pre-apocalípticas

    junio 15, 2021 by sergio

    Estase a falar moito nos últimos tempos da dixitalización en todos os ámbitos da vida. E cos fondos Next Generation moitos sectores ven unha posibilidade de acadar cartos para lanzarse a o que sexa que significa iso de «dixitalización». O sector das ONGD tamén se plantexa surfear esta onda.

    En realidade, creo que habería que facer unha reflexión fonda sobre o que significa «poñerse en mans destas tecnoloxías» tan alegremente. Pero neste sector da cooperación para o desenvolvemento e a cidadanía global, non vexo espazos para esa reflexión máis fonda. Creo que tanto as organizacións que precisan ferramentas máis complexas de xestión (ou máis enfocadas á investigación), como outras organizacións máis pequenas ou apegadas ao activismo, deberían facer esa reflexión e, sobre todo, pensar que se queremos outro mundo, un que sexa xusto, baseado nos coidados e que non deixe a ninguén atrás, non se pode empregar a tecnoloxía acriticamente pensando que é só unha ferramenta, sen ver que e quen está detrás. Usar ferramentas de software libre pode ser tan político como empregar produtos de comercio xusto ou de proximidade. Pero claro, temos que aprender novas ferramentas, ás veces nos frustramos porque non van como as outras que manexabamos, e ademais temos que participar en redes onde melloren esas ferramentas dende a comunidade (o cal nos quita tempo). Igualiño que cando queremos promover a soberanía alimentaria. Pero é que é parte do mesmo problema. Ao final é máis sinxelo comprar no súper (tamén no caso do software), pero polo menos temos que saber que hai alternativas e ir tratando de mellorar conscientemente a nosa coherencia como organizacións. O noso traballo non pode ser salvar aos negriños (ou, xa falando de prácticas máis modernas na cooperación, facer denuncias das malas prácticas das empresas españolas noutros países ou pontes entre activistas do norte e o sur global) empregando excel.

    Cando apenas estamos vendo como volver ao analóxico e ao presencial (o que vén sendo «volver á rúa»), despois desta pandemia, pero sen esquecer o bo que aprendemos nestes tempos estraños de traballar en liña, entrar na espiral da dixitalización réstanos forzas. Porque non temos forzas para estar a full en todo. Se nos enfocamos no dixital nos quedan menos para dedicar a volver a tocarnos. Por outro lado, o algorítmico, pola súa aparente inhumanidade, ten una connotación que, persoalmente, me xera marcos mentais moi desmobilizadores e que afasta as persoas, os coidados e a vida do centro. Ademais é unha tendencia que nos atrae con forza, porque o contexto global está potenciándoa. E as organizacións do sector da cooperación e a transformación social non van a ser a excepción, e menos sen esa reflexión proactiva sobre o tema. Caeremos no remuíño sen sequera poñernos a remar cara a beira.

    A avalancha tecnolóxica non vai facer máis que crecer (bitcoins, intelixencia artificial cuns sesgos raciais/de xénero brutais, tecnoloxías de control social, patentes que lle dan cada vez máis poder ás grandes empresas iniciadas moitas veces con fondos públicos etc., etc. etc.). No sector social non falamos moito disto, e menos pensamos en impulsar mellores prácticas tecnolóxicas. Como dixemos, a vida non nos da para todo, pero se non temos máis en conta o cambio tecnolóxico e o integramos nas nosas prácticas, lle imos entregar o mundo aos de sempre cun laciño de regalo.


  3. Que viva Quincho Barrilete

    mayo 20, 2021 by sergio

    No grupo de micromachiños do que xa teño falado o outro día, un compañeiro comentaba que estaba tratando de amosar nas redes sociais tamén esa parte máis sensible que, como homes, sempre nos dixeron que debiamos agochar.

    As redes sociais son un xeito de amosar o aspecto externo da nosa «personalidade dixital». Eu prefiro este blogue. E vou deixar aquí unha canción que me retrotrae a un período moi importante da miña vida, de moita aprendizaxe a todos os niveis, cando entre 2006 e 2007 vivín Nicaragua.

    Se hai unha canción coa que me sinto representado e me gustaría que fora a miña «bandeira musical dixital» é Quincho Barrilete. Dame bo rollo e emocióname (algunha lagrimiña incluso) a partes iguais. Parece unha canción infantil, lixeira e até inxenua (con ese comenzo circense e ese ton festeiro). Lémbrame a nenez, daquel país e doutros, que son quen sofren as desfeitas dos maiores (e é algo que levo moi mal e me entran uns desexos grandes de que nos extingamos dunha vez, e máis estes días co de Ceuta e Palestina). Pero tamén levántame o ánimo pola alegría e dignidade que transmite do seu protagonista, e tamén de «tirar padiante» e afrontar os problemas (neste caso, con referencia á loita do malogrado sandinismo contra a dictadura).

    Un aniño tiña eu cando se fixo a canción, que ademais ten unha historia interesante. Até gañou o festival da OTI saltándose a censura do dictador Somoza para poder representar ao seu país (parece unha canción infantil, pois non o é…).


  4. Hugin. Fotos panorámicas e software libre

    abril 19, 2021 by sergio

    Hoxe fixen a miña primeira proba co programiña Hugin, software libre para fotos panorámicas. Descargable dende os repositorios habituais, tenda de Snap e demais aplicacións de catálogos de software.

    Velaquí a vista dende a miña terraza (un pouquiño retocada coa ferramenta Curvas de GIMP). Adiviñade, que cidade é?

    – Projection: Cylindrical (1) FOV: 153 x 42 Ev: 0,18

  5. Reflexións dun micromachiño

    marzo 24, 2021 by sergio

    Micromachiños é como chamamos agarimosamente ao grupo de homes da Asociación Enxeñería Sen Fronteiras Galicia. Nese espazo buscamos reflexionar sen prexuízos sobre masculinidades alternativas (e tamén sobre a patriarcal predominante).

    Grazas a ese espazo e a compartir outras charlas con xente (mulleres) que saben realmente do tema, quero atreverme a poñer palabras ao que significa para min as masculinidades alternativas e a loita contra o patriarcado.

    Creo que a loita contra o patriarcado significa ampliar a liberdade e a co-responsabilidade de TODAS as persoas en TODOS os ámbitos da vida. E isto, tanto no que ten que ver con roles e funcións, como do manexo do propio corpo e as relacións co mundo.

    Para as persoas de sexo femenino, a liberdade de exercer roles e funcións (moitos deles habitualmente ocupados polas persoas de sexo masculino), sen recibir presións de ningún tipo. Da igual que sexa traballar fora como proveedoras de recursos económicos, ou querendo practicar unha maternidade natural e dando peito até o que considere oportuno. Non entendo ese debate nin dilema sempre que haxa un contexto de liberdade que, sen embargo, aínda estamos moi lonxe de ter. Aínda así, non creo que o debate teña que atacar a quen opta conscientemente por unha maternidade máis intensa. Tamén a liberdade de decidir sobre o propio corpo, da igual que sexa para abortar que para facer operacións estéticas de calquera tipo. Sen cuestionamentos nin presión sociais.

    Ata aquí, o paralelismo con respecto ás liberdades que a abolición do patriarcado pode traer tamén para as persoas de sexo masculino son claras. No que penso que habería diferencias é na eliminación do medo da vida. Dame a impresión de que as emocións negativas que provoca o patriarcado nas persoas nacidas con sexo masculino que buscan emanciparse e romper os moldes van máis pola liña da vergoña. Vergoña de non ser o macho que se espera (por parte tanto de outras persoas de sexo masculino como de sexo femenino, que tamén están inmersas no patriarcado). En cambio, a emoción negativa predominante que o patriarcado provoca nas mulleres é, diría eu, unha sorte de frustración aliñada con medo. Frustración intrínseca por verse acurrunchada, invisibilizada e non poder desenvolverse máis como persoa pola simple razón de nacer de sexo femenino. Medo pola presión e a intolerancia, pola posesividade e a agresividade do macho patriarcal. Na miña forma de ver a vida, non é posible ser feliz vivindo con medo. Tal vez si con vergoña, así que está claro a quen fode máis o patriarcado.

    E se falamos de persoas de colectivos non binarios, ao resto de emocións negativas comentadas impostas polo seu sexo xenético de nacemento, hai que engadir unhas doses de medo ante moitas condutas intolerantes e moita máis frustración.

    O constructo no que se basea o patriarcado é, diría eu, a diferenciación entre sexos xenéticos da posibilidade de enxendrar descendencia. Unha persoa de sexo xenético masculino non pode, hoxe en día, enxendrar descendencia. É imprescindible ter sexo xenético femenino para facelo (aínda que telo tampouco garante poder enxendrar descendencia). A partir de aí se construíu un armazón cultural que se coñece como xénero, facéndoo xirar en torno a esa reprodución da vida. Chégase ao punto de que, xa que son quen pode ter descendencia, que tamén a coiden, todo o rollo ese sagrado da maternidade, e que se alonxen pouquiño da casa. E xa, de paso, que vaia todo o resto dos coidados no pack, incluíndo os da xente maior e o resto de persoas que non poden coidar se si mesmas. Por suposto, o de dispoñer do seu corpo nin de coña, que ten que estar ao servizo de parir novos homes e mulleres sans para a tribu/comunidade/sociedade (elixir o que máis guste). A maiores, xurde esa sensación de servizo, submisión e pertenza á parella, aderezado co amor romántico dos de para toda a vida (outro constructo para manter o status quo do patriarcado?). Ter unha muller submisa e coidadora e mantela é tamén parte do que se supón que debe ser un “bo macho”. Cando non se consegue iso ou se ve perigar, aparece a vergoña que cristaliza moitas veces en violencias.

    Por iso, penso que o xeito de destruír o patriarcado ten que ser destruír esa diferenciación entre sexos xenéticos. Tecnicamente, estamos lonxe de conseguir igualar esa diferencia biolóxica da reprodución (que sería o ideal). Pero si se poden facer avances nesa liña no constructo cultural, na corresponsabilidade nos coidados das persoas de sexo masculino, no traballo doméstico e en todo o que ten que ver co aseguramento da vida. Tamén no empoderamento de funcións diversas e de reapropiación do corpo. Deixar de falar tanto de sexos, de xénero, abrazar máis o “cyborg”, na liña do manifesto que leva ese nome. Sen esa dualidade a problemática da transexualidade esváese, porque vai deixando de haber patróns que fagan a alguén identificarse con tal ou cal xénero ou sexo. Se pode chegar a unha gran liberdade, pero de xeito que quen queira manterse nunha sexualidade vivida de xeito máis tradicional poida facelo. Sen impoñer. Sen coaccionar. Sen sinalar.


  6. Renda Básica Incondicional e países con moito saleiro

    marzo 21, 2021 by sergio

    Imaxinemos un saleiro. Cada graniño de sal é unha persoa. O saleiro é un país. A tapa cos buratiños, os servizos públicos que evitan que as persoas caian. Cantos máis buratiños e maiores, máis persoas caerán. É importantísimo que os buratos sexan cada vez menos e máis pequenos, pero é difícil conseguir iso totalmente. Un buratiño na educación, outro par deles na sanidade, outro nos coidados de dependentes, outros tres en atención social, outro en acceso a auga, luz, internete…

    Imaxinemos que poñemos, a maiores da tapa, un celofán. Así aínda que pasen graniños polos buratos, evitaremos que caian. O celofán é a Renda Básica Incondicional. Pero é clave que siga habendo tapa e siga fortalecéndose, porque só o celofán non aguantaría todos eses grans.

    Imaxinemos que cada saleiro ten que conseguir o seu propio celofán. Uns conseguirano máis groso, de maior calidade. Quen poida. Outros non terán capacidade ou medios para conseguilo. O máis xusto sería celofán para todo o mundo, aínda que non fora o da maior calidade…

    Por unha Renda Básica Incondicional e Universal. RBU como Dereito Humano!


  7. Imos para aldea pa curar a alma (e o planeta)

    febrero 21, 2021 by sergio

    Estes días falouse do informe do Instituto Resiliencia que aboga pola reagrarización de Galicia. A volta ao rural, para vivir nel, e vivir del.

    Hai quen non ve claro iso de todo o mundo volver coller o sacho (se nin a maioría da xente da miña xeración o colleu, e non digamos xs nosxs fillxs) e vivir da terra. Tampouco se trata diso, senón polo menos que se tome como unha alternativa decente e digna de gañar a vida, máis aló de prexuízos e de incomodidades que, aínda hoxe, existen no rural (aínda que a pandemia fixo que foramos conscientes das indubidables vantaxes). Cando se fala de reagrarización fálase tamén doutro modelo forestal (que non é, precisamente, o que promove o novo Plan Forestal de Galicia).

    É preferible, penso eu, ir decrecendo de xeito controlado e cambiando o modelo de consumo e produción. Iso si, tampouco me fago ilusións de que esteamos preparadas como especie para renunciar á inercia do máis, máis e máis. E da «vida rápida». Non pasa nada, nos extinguimos e listo. Gaia non nos vai botar de menos! Pero eu son máis da idea de ir buscando alternativas de pouco a pouco porque, a pesar das miñas malas expectativas, en realidade son un optimista impenitente (se non, tampouco traballaría no que traballo).

    Pero quen cre que a cousa é totalmente insalvable, ou que estamos esaxerando (como os negacionistas, que non son máis que xente que non quere ver a realidade), pois adícase a desacreditar estas alternativas de «paracaídas» do batacazo que nos espera como especie, e se abonan a un carpe diem da avestruz. Argumentos como que, porque no colleramos un sacho na vida, non é posible a reagrarización, non se sosteñen, porque aínda que a xeración dos nosos pais e nais non sabían ni o que era un ordenador ou aínda menos un móbil, non por iso deixan de usalo. Como dicía o Xocas o outro día en La Resistencia, na súa familia pasaron en dúas xeracións de ser agro-ganaderos en Abadín a ser youtubers. Cando algo te motiva, ou cando no te queda outro remedio, adáptaste.

    Neste caso, como dixen, eu creo que sería mellor para todas que se fixera planificadamente e polas boas. Un bo xeito é polo menos non poñer paus nas rodas de quen quere voltar á terra para sentila coas mans e todas esas cousas místicas-telúricas, ou porque simplemente lle mola quedar na aldea, aínda que saiban que ten a súa parte dura e ingrata. Iso faise co certa seguridade dada por uns servizos públicos decentes no rural e, idealmente, cunha renda básica incondicional e cunha aposta decidida por quen produce os nosos alimentos e pode dar moitos servizos ambientais (labregas funcionarias ou con outro tipo de axudas que apoien á agricultura labrega como a máis eficiente en non esa PAC cobrada no paseo da Castellana, que xa veremos como vai a nova PAC pero posiblemente tampouco apoie á agricultura labrega) Desgraciadamente, de momento a cousa non vai por aí…

    Por outra banda, fai falta quitarse os prexuízos que houbo sempre de que, ademais de ser duro (vivir do campo xa sabemos que é fodido, aínda que eu, que son un «chico de barrio», non o sentín de cerca, pero todo o que depende do clima xera una incertidume e una ansiedade que habería que buscar como paliar dende o público para non deixar á xente desprotexida, o que dixemos dos servizos públicos ou a RBI sería un bo comezo), ademais sempre estivo moi desprestixiado. Os paletos e todo iso… E tampouco falamos de que todo dios que vaia para o campo teña que «vivir do campo». Simplemente é apostar por un sistema distinto que posibilite poder vivir no campo dignamente, e que sirva tamén para equilibrar o territorio demográficamente (as grandes cidades son manifestamente insustentables e prexudiciais). Tamén a nivel tecnolóxico, que parece que todas as tecnoloxías para prover de servizos se fixeron pensando nas grandes aglomeracións. Pois claro que non é sinxelo tender tubaxes de saneamento aos 30000 núcleos de poboación de Galicia coas súas correspondentes infraestruturas de depuración, pero é que hai anos que existen outras tecnoloxías de depuración in situ (e que ademais se poderían mellorar a pouco que se apostara pola I+D+I con ese enfoque de descentralización rural, no que Galicia debería ser referente). E o mesmo coa electricidade, ou coa Internet. Así que hala, tirando para o campo!!!

    ACTUALIZACIÓN 22/01/2021. Xusto hoxe a Asociación de Áreas Escasamente Poboadas do Sur de Europa presentou un informe sobre os servizos que estas áreas dan ao ben común (ambiental, enerxético, etc.), demostrando que son chave para a sustentabilidade do sistema e dan moito máis do que receben, a todos os niveis.

    IMAXE USADA EXTRAÍDA DE: https://www.freeimages.com/premium/kids-walking-in-the-countryside-315556


  8. Preguntas: que é máis humano?

    enero 25, 2021 by sergio

    Que é máis humano, crear ou posuír?


  9. Adiviña, adiviñanza…

    enero 2, 2021 by sergio

    A que empresa privada lle fan publicidade en espazos públicos e con fondos ídem? Welcome to Compostela!


  10. A curva de Angrois

    noviembre 30, 2020 by sergio

    Tiña pendente a miña particular peregrinación a este lugar, a apenas dez minutos camiñando da miña casa. Non o visitara porque aínda «non tivera cando». Unha excusa como outra calquera. Igual non estaba preparado, non sei. Para min era un símbolo da incompetencia da administración pública. De como salvar o cú despois dunha destas habituais situacións de xestión deficiente, tal vez por aforrar cartos, dun sistema técnico «dos de por se acaso» que só vemos o importante que é cando pasa algo. Como os arcenes das autovías. Como ter unha sanidade pública forte con UCI aparentemente infrautilizadas. Porque son para iso. Son para cando a cousa vai mal. A curva de Angrois será sempre un símbolo de cando a cousa vai mal e alguén non fixo o que tiña que facer pensando que nada malo ocorre. Tal vez foi unha orde concreta dunha persoa. Tal vez un cúmulo de malas decisións e neglixencias. Ao final, quedan vidas rotas. Sensación de frustración. E mentras nese lugar se respira unha tranquilidade irreal que, no meu caso, só foi rota polo paso dunhas ovellas co dono nun deses lugares habituais en Galicia que non se sabe se son aldea ou cidade.