RSS Feed

Posts Tagged ‘emerxencias’

  1. De catástrofes, entrañas e curtopracismo

    noviembre 10, 2024 by sergio

    Bravo pola axuda e esa solidariedade que sae de dentro ante situacións horribles para semellantes. Estes días temos exemplos de sobra desta solidariedade, que fai ter máis esperanza na humanidade, pero que tamén me leva a reflexionar que, en realidade, non estamos preparadas para pensar a medio e longo prazo (e iso pode ser a nosa perdición).

    Un exemplo de como nos movemos máis polas entrañas que pola cabeza, son as avalanchas de doazóns e voluntariado cando hai un desastre como a DANA en levante. A coordinación cos actores locais é clave para non causar máis mal que ben. Nestes casos é máis interesante a axuda económica, porque:

    • permite adaptarse mellor ao realmente necesario en cada momento e lugar
    • permite facer compras a gran escala para mellorar custos, pero tamén a pequena escala se se quere para promover o mercado local que quedou danado
    • se se fai con entidades serias, permite unha maior transparencia, maior coordinación e enfoque da axuda

    Con respecto a este último punto, preocúpame moitísimo que estes días algunha xente promove un descrédito das ONG e organizacións expertas en traballar nestes temas e moita xente está indo pola súa conta ou, peor, a través de personaxes que non teñen nin idea de facer as cousas (como o que dixo que agora igual lle van encima os de facenda).

    Na organización onde hai anos que traballo (e moitos máis que milito), Enxeñería Sen Fronteiras (ESF), non traballamos o tema de emerxencias. Para iso hai outras organizacións especializadas, e moi solventes. En ESF somos máis de ver o que hai detrás que provoca estas situacións, para poder actuar sobre as causas (o que estamos vivindo estes días é «poñer parches», que é o urxente, pero o urxente non pode tapar o importante). Con esa «deformación ESFeira» (xa é moito tempo en ESF), para min as leccións aprendidas desta catástrofe son, por orde de importancia:

    1. Ser conscientes de que os eventos extremos sempre estiveron aí, pero agora estarán máis e serán máis extremos, porque o clima xa non é o que era. BASTA DE NEGACIONISMO.
    2. Informarse sobre os problemas de cambio climático, como podo eu contribuir eu na miña vida diaria a non empeoralo. Facelo con honestidade e sen cinismo (iso de «total, se non o fago eu o fará o resto» é o que nos vai condenar como especie).
    3. Informarse e actuar en consecuencia sobre que medidas propoñen e desenvolven (ou deixan de propoñer ou desenvolver) os distintos partidos políticos. Para min, o tema ambiental é un dos grandes problemas aos que nos enfrentamos. A estratexia do avestruz non serve aquí, nin o de que ninguén se atreve a «apagar a música no medio da festa» para enfocarse a reducir consumo, tratar de facer desenvolvemento máis endóxeno (de cercanía e adaptado a recursos existentes nas distintas zonas). e facer ordenación territorial axeitada ao clima e a capacidade de acollida do territorio. Iso hai tempo que deixou de ser unha festa.
    4. Temos un mecanismo de solidariedade interterritorial, esa «lotería que toca onde ten que tocar» (como escoitamos cansinamente cada vez que chega a lotería de Nadal). CHÁMASE IMPOSTOS. Temos un estado que ten que dar servizos públicos que, precisamente, actúan seguro social. Ou sexa, que se veñen mal dadas (porque me poño enfermo, ou quedo sen traballo, ou hai unha emerxencia e quedo sen casa), temos un pacto social para protexer a quen sufre unha desas situacións. Iso é o que nos fai ser un país, esa solidariedade do pacto social. Os impostos son a clave para manter estes servizos, así como é importante a transparencia das administracións públicas no uso dos impostos, a simplificación da burocracia e eliminar a «violencia administrativa», e que haxa espazos para que a sociedade civil poida participar e controlar á administración. Así que eu desconfío de quen vén anunciando a bombo e platillo «rebaixas de impostos», porque non estamos nunha época onde cada unha teña que loitar polo seu lado. Xuntas é como somos máis fortes.
    5. Unha vez que hai emerxencias, hai que deixar traballar ás profesionais e informarse moi ben sobre como axudar, se poñerse en manos de gurús nin do buenismo da emoción (de boas intencións está empedrado o camiño ao inferno 😜). Iso non significa non facer nada, pero facelo con sentidiño