RSS Feed

Posts Tagged ‘eólicas’

  1. A présa non se leva ben coa xustiza

    enero 17, 2024 by sergio

    O debate sobre a transición enerxética xusta vai crecendo en intensidade. Eólicas si pero non así, que en Galicia e outras zonas do norte peninsular se converteu en lema, vén poñer de manifesto que hai moitas persoas afectadas pola onda das infraestruturas de produción descentralizada (e en moitos casos distribución) de enerxías renovables.

    Deixando de lado o debate de se o quecemento global é real ou non (iso só o pon en dúbida unha minoría que, seguramente, pronto abrazará o ecofascismo máis recalcitrante), e tamén a dificultade dunha electrificación rápida con renovables da sociedade (da nosa sociedade occidental, porque nestes debates, naturalmente, sempre quedan fora os países empobrecidos), quería deixar aquí a visión de base que creo que debería guiar unha transición enerxética xusta.

    Se falamos de «eólicas si, pero non así» a pregunta seguinte para alguén que quere solucionar este problema é «e entón como»?

    Falando deste «como», en contextos do progresismo verde, o ecoloxismo e a ecoloxía política, vense dando un espectro de opinións que oscilan entre dúas tendencias.

    Unha é que temos moita présa para acabar cos combustibles fósiles, causantes maiores do quecemento global. Pero temos que buscarlles dende xa substitutos, porque non queremos que as nosas fábricas, casas e coches queden sen enerxía. Eses substitutos teñen que ser, si ou si, baseados en enerxía renovable. E o que non se fixo nos pasados 40 anos agora haino que facer ás présas.

    A outra vén máis dende os movementos e plataforma de defensa dos territorios que poden verse afectados pola instalación destas infraestruturas, así como por persoas que pensan que, polo menos en Galicia, xa hai eólicas dabondo e xa se produce enerxía suficiente (en realidade, se contabilizamos o transporte, Galicia está lonxe do autoconsumo) ou tamén por activistas menos tecno-optimistas, que vén esa carreira das renovables como un parche que non soluciona o verdadeiro problema do sistema hiperconsumista (e que vai transformar uns problemas noutros).

    Din que as présas sempre foron malas conselleiras. Isto, para min, é manifestamente certo cando falamos de compensacións, participación social e pacto social para un novo sistema, eléctrico e productivo, que non deberiamos separalos dada a magnitude do problema. Non é tempo de poñer parches e fai falta poñer unhas bases ético-políticas que sustente o modelo de transición enerxética que queremos poñer en marcha. O «como».

    Eu identifico aquí dous grandes enfoques ético-políticos, que ademais me parecen bastante incompatibles, así que tocaría decantarse por un ou outro ante un futuro de incertidume:

    • un sería poñer os esforzos en revertir a toda costa os problemas do quecemento global, coa idea de manter o planeta habitable para a nosa especie (e outras, pero non nos enganemos, aquí falamos de humano-centrismo). Iso pasa por facer sacrificios en nome dunha présa que nos empurra a actuar xa, aínda que haxa efectos colaterais negativos e poidan ser moitos. A supervivencia da especie é a clave aquí
    • o outro enfoque sería priorizando máis a igualdade como xustiza social, tomándose o tempo preciso para asegurar unha participación e apropiación das persoas do modelo ao que queremos tender. Pode ser que a demora faga que o quecemento sexa maior (non sabemos ben canto nin a magnitude dos efectos que, en calquera caso, xa van ser grandes), pero prima o «ou todas ou ningunha«.

    Persoalmente, estou máis co segundo enfoque. Tal e como está organizado o mundo, o primeiro enfoque penso que vai servir para que os que máis culpa teñen do problema climático sexan os que sobreviven, tanto eles como as súas estruturas de opresión (isto xa o tocou Snowpiercer hai moitos anos, ou o Conto da Criada). Así que a min, se non é con toda a xente, non me interesa que «a especie» se salve. Ao fin e ao cabo non somos tan especiais, aínda que a moita xente lle axude a vivir pensar que si…