RSS Feed

Posts Tagged ‘egoísmo’

  1. Egoísmos de curto prazo e de longo prazo

    julio 2, 2024 by sergio


    Hai xente que, sen ter nin idea de teoría de sistemas, di que o cambio climático non existe…, ou que sen saber nada de socioloxía, historia ou psicoloxía opinamos sobre a opresión patriarcal (e tamén a negamos…).
    En fin, que o problema non é que haxa datos. A min, como ONjeta e persoa política, interésame cal é a causa e cal é o xeito de solucionalo. A ciencia pode axudar a medir un fenómeno que pode ser un síntoma dun problema, mesmo nalgún caso pode dar pistas de por onde tirar (como no caso do quecemento global a redución de fósiles e emisións de CO2, que de tódolos xeitos non se está facendo).
    Pero en temas sociais é cuestión de valores e filosofía de vida que cada unha temos. Uns preferirán facer muros cada vez máis altos con moitos robots e drons vixiantes que non deixen entrar ás persoas (pero si o coltán e os cartos), ou deixar só «a quen vén con traballo», e outros preferirán traballar (en serio) para que a xente non teña que deixar as súas aldeas e familias e poidan gañar a vida dignamente no seu lugar de orixe (a non ser que lles apeteza ir de turismo). Ao final é así de simple, logo se pode dar todas as voltas que queran.

    Todo na «polis» se reduce a valores e ao pacto social que queremos asinar, mesmo a ciencia e a tecnoloxía se poñen ao servizo (e nacen no contexto) dun tipo de sistema valores. Por iso aínda hoxe a maioría de grandes avances e inversións I+D+I son na industria militar, hai xente que lle mola a carreira polos recursos e a xeopolítica, gañar cartos sen importar de onde veñen nin que ou a quen se explota, e logo poñer barreiras para que a xente a quen se está explotando (a ela directamente, ou ao seu ambiente e medios de vida) non poida vir aquí porque nos quitan o traballo e nos traen as súas costumes bárbaras. Ou falan de que hai que fabricar máis e máis (por moito que fagan greenwashing falando de «economía circular») para facer medrar o PIB (ou máis ben a desigualdade, que xa sabemos que «diñeiro chama a diñeiro»).

    Todo ese montaxe de crecer sen sacar a cabeza do burato, poñendo muros e dicindo iso de «que me quede como estou» eu o chamo egoísmo curtopracista. Pode funcionarnos como sociedade suxeita a un planeta finito a curto prazo, pero a medio e logo eu creo que non, aínda que tal vez me equivoque… Logo está o egoísmo a longo prazo, que tamén é para estar ben e salvarnos como sociedade (o altruismo sempre ten un punto egoísta ;D), pero que defende que tal vez se máis xente no mundo vive dignamente e adaptamos máis o noso consumo ao sistema terrestre no que vivimos (o cal implica que toca repartir), é máis sinxelo que non vaiamos todas para o carallo. Iso si, eu son pesimista porque a humanidade cústalle demasiado pensar a medio-longo prazo. O egoísmo curtopracista vende moi ben e nos entra mellor na cabeza, porque a temos feita para pensar así… Se é que até hai virus mellor adaptados que nós ao hábitat que os sustenta, que pena! 😥