Estes días falouse do informe do Instituto Resiliencia que aboga pola reagrarización de Galicia. A volta ao rural, para vivir nel, e vivir del.
Hai quen non ve claro iso de todo o mundo volver coller o sacho (se nin a maioría da xente da miña xeración o colleu, e non digamos xs nosxs fillxs) e vivir da terra. Tampouco se trata diso, senón polo menos que se tome como unha alternativa decente e digna de gañar a vida, máis aló de prexuízos e de incomodidades que, aínda hoxe, existen no rural (aínda que a pandemia fixo que foramos conscientes das indubidables vantaxes). Cando se fala de reagrarización fálase tamén doutro modelo forestal (que non é, precisamente, o que promove o novo Plan Forestal de Galicia).
É preferible, penso eu, ir decrecendo de xeito controlado e cambiando o modelo de consumo e produción. Iso si, tampouco me fago ilusións de que esteamos preparadas como especie para renunciar á inercia do máis, máis e máis. E da «vida rápida». Non pasa nada, nos extinguimos e listo. Gaia non nos vai botar de menos! Pero eu son máis da idea de ir buscando alternativas de pouco a pouco porque, a pesar das miñas malas expectativas, en realidade son un optimista impenitente (se non, tampouco traballaría no que traballo).
Pero quen cre que a cousa é totalmente insalvable, ou que estamos esaxerando (como os negacionistas, que non son máis que xente que non quere ver a realidade), pois adícase a desacreditar estas alternativas de «paracaídas» do batacazo que nos espera como especie, e se abonan a un carpe diem da avestruz. Argumentos como que, porque no colleramos un sacho na vida, non é posible a reagrarización, non se sosteñen, porque aínda que a xeración dos nosos pais e nais non sabían ni o que era un ordenador ou aínda menos un móbil, non por iso deixan de usalo. Como dicía o Xocas o outro día en La Resistencia, na súa familia pasaron en dúas xeracións de ser agro-ganaderos en Abadín a ser youtubers. Cando algo te motiva, ou cando no te queda outro remedio, adáptaste.
Neste caso, como dixen, eu creo que sería mellor para todas que se fixera planificadamente e polas boas. Un bo xeito é polo menos non poñer paus nas rodas de quen quere voltar á terra para sentila coas mans e todas esas cousas místicas-telúricas, ou porque simplemente lle mola quedar na aldea, aínda que saiban que ten a súa parte dura e ingrata. Iso faise co certa seguridade dada por uns servizos públicos decentes no rural e, idealmente, cunha renda básica incondicional e cunha aposta decidida por quen produce os nosos alimentos e pode dar moitos servizos ambientais (labregas funcionarias ou con outro tipo de axudas que apoien á agricultura labrega como a máis eficiente en non esa PAC cobrada no paseo da Castellana, que xa veremos como vai a nova PAC pero posiblemente tampouco apoie á agricultura labrega) Desgraciadamente, de momento a cousa non vai por aí…
Por outra banda, fai falta quitarse os prexuízos que houbo sempre de que, ademais de ser duro (vivir do campo xa sabemos que é fodido, aínda que eu, que son un «chico de barrio», non o sentín de cerca, pero todo o que depende do clima xera una incertidume e una ansiedade que habería que buscar como paliar dende o público para non deixar á xente desprotexida, o que dixemos dos servizos públicos ou a RBI sería un bo comezo), ademais sempre estivo moi desprestixiado. Os paletos e todo iso… E tampouco falamos de que todo dios que vaia para o campo teña que «vivir do campo». Simplemente é apostar por un sistema distinto que posibilite poder vivir no campo dignamente, e que sirva tamén para equilibrar o territorio demográficamente (as grandes cidades son manifestamente insustentables e prexudiciais). Tamén a nivel tecnolóxico, que parece que todas as tecnoloxías para prover de servizos se fixeron pensando nas grandes aglomeracións. Pois claro que non é sinxelo tender tubaxes de saneamento aos 30000 núcleos de poboación de Galicia coas súas correspondentes infraestruturas de depuración, pero é que hai anos que existen outras tecnoloxías de depuración in situ (e que ademais se poderían mellorar a pouco que se apostara pola I+D+I con ese enfoque de descentralización rural, no que Galicia debería ser referente). E o mesmo coa electricidade, ou coa Internet. Así que hala, tirando para o campo!!!
ACTUALIZACIÓN 22/01/2021. Xusto hoxe a Asociación de Áreas Escasamente Poboadas do Sur de Europa presentou un informe sobre os servizos que estas áreas dan ao ben común (ambiental, enerxético, etc.), demostrando que son chave para a sustentabilidade do sistema e dan moito máis do que receben, a todos os niveis.
IMAXE USADA EXTRAÍDA DE: https://www.freeimages.com/premium/kids-walking-in-the-countryside-315556