Quen me coñeza algo, sabe que son bastante «turras» con este tema. Onte tiven ocasión de estar na presentación do libro Renta Básica: una herramienta de futuro, de Julen Bollaín. Gustoume o enfoque que lle deu, confrontando esta ferramenta da RBU con varios dos que, para el, son grandes retos do futuro. Un deles é os límites físicos do planeta, aos que nos achegamos a unha velocidade preocupante. Aínda non lin o libro, pero pronto caerá…
O que si me fixo pensar a presentación, debate e posterior encontro informal, foi en tres cousiñas que xa hai moito que me preocupan nisto da Renda Básica Universal (nesta entrevista o propio Julen conta de xeito moi clariño o que é a RBU, por se chegades aquí e non vos soa o concepto):
- O tratamento que se lle vai dar a nenos e nenas, e outras persoas que precisen tutela. Vanse considerar cidadás de segunda, ou van recibir a renda na mesma contía que o resto das persoas? Eu neste caso defendo unha renda máis reducida para todo o mundo, pero que sexa para todas da mesma contía. Outros modelos que teño visto eran, por exemplo, de rendas máis altas para maiores de idade, e a metade da mesma para menores ou tuteladas. Iso si, serían as persoas titoras as que poidan xestionar a RBU das tuteladas.
- A cuestión da universalidade real da renda básica. Se só engloba a un país (ou, no mellor dos casos, á UE como defende o Partido Verde Europeo), non se lle pode chamar universal. Xa deixei caer algo deste tema no último parágrafo deste post sobre a xustiza de que a renda fora universal de verdade. De feito, habería que defendela como dereito humano. Iso si, se custa que se poida implementar na UE (que xa ten certa estrutura e capacidade de captación de impostos), facelo a nivel mundial, cunha ONU atada de pés e mans para os problemas importantes e sempre a mercede do voluntarismo dos países sumidoiro (ricos), non semella tarefa fácil.
- Relacionado co anterior. Cal sería o monto da renda básica universal para cada persoa na actualidade, pero sen erosionar o dereito a acceder á mesma das persoas do futuro? Ou sexa, como se pode ter en conta o feito de que para que en España se estea demandando nalgúns casos que a RBU sexa equivalente ao salario mínimo (ou pouco menos), na maioría dos países do mundo a calidade de vida é moito menor e estamos sometendo ao planeta a unha explotación insustentable? Pódense esixir dereitos sen ter en conta os límites físicos do planeta (e a desigualdade)? Esta última é unha pregunta que toca moito Jorge Riechmann no libro Ecosocialismo Descalzo. Parece que non hai estudos que estimen a canto ascendería unha renda básica universal a nivel planetario. Como primeira proposta que eu faría, podería calcularse a partir da media ponderada por número de habitantes do monto da canastra básica per capita de cada pais. Cantos cartos sería iso? 40 euros/mes? 100? Segundo ese mesmo libro de Ecosocialismo Descalzo, para chegar a unha economía global sustentable habería que contraer o gasto nos países sumidoiro nun 90% (!!!). Iso, claro está, tamén habería que aplicalo á RBU que, sen embargo, tampoco hai que esquecer que é unha ferramenta, cunha altísima potencialidade emancipadora, pero só unha ferramenta máis.