RSS Feed

Posts Tagged ‘cambio climático’

  1. De catástrofes, entrañas e curtopracismo

    noviembre 10, 2024 by sergio

    Bravo pola axuda e esa solidariedade que sae de dentro ante situacións horribles para semellantes. Estes días temos exemplos de sobra desta solidariedade, que fai ter máis esperanza na humanidade, pero que tamén me leva a reflexionar que, en realidade, non estamos preparadas para pensar a medio e longo prazo (e iso pode ser a nosa perdición).

    Un exemplo de como nos movemos máis polas entrañas que pola cabeza, son as avalanchas de doazóns e voluntariado cando hai un desastre como a DANA en levante. A coordinación cos actores locais é clave para non causar máis mal que ben. Nestes casos é máis interesante a axuda económica, porque:

    • permite adaptarse mellor ao realmente necesario en cada momento e lugar
    • permite facer compras a gran escala para mellorar custos, pero tamén a pequena escala se se quere para promover o mercado local que quedou danado
    • se se fai con entidades serias, permite unha maior transparencia, maior coordinación e enfoque da axuda

    Con respecto a este último punto, preocúpame moitísimo que estes días algunha xente promove un descrédito das ONG e organizacións expertas en traballar nestes temas e moita xente está indo pola súa conta ou, peor, a través de personaxes que non teñen nin idea de facer as cousas (como o que dixo que agora igual lle van encima os de facenda).

    Na organización onde hai anos que traballo (e moitos máis que milito), Enxeñería Sen Fronteiras (ESF), non traballamos o tema de emerxencias. Para iso hai outras organizacións especializadas, e moi solventes. En ESF somos máis de ver o que hai detrás que provoca estas situacións, para poder actuar sobre as causas (o que estamos vivindo estes días é «poñer parches», que é o urxente, pero o urxente non pode tapar o importante). Con esa «deformación ESFeira» (xa é moito tempo en ESF), para min as leccións aprendidas desta catástrofe son, por orde de importancia:

    1. Ser conscientes de que os eventos extremos sempre estiveron aí, pero agora estarán máis e serán máis extremos, porque o clima xa non é o que era. BASTA DE NEGACIONISMO.
    2. Informarse sobre os problemas de cambio climático, como podo eu contribuir eu na miña vida diaria a non empeoralo. Facelo con honestidade e sen cinismo (iso de «total, se non o fago eu o fará o resto» é o que nos vai condenar como especie).
    3. Informarse e actuar en consecuencia sobre que medidas propoñen e desenvolven (ou deixan de propoñer ou desenvolver) os distintos partidos políticos. Para min, o tema ambiental é un dos grandes problemas aos que nos enfrentamos. A estratexia do avestruz non serve aquí, nin o de que ninguén se atreve a «apagar a música no medio da festa» para enfocarse a reducir consumo, tratar de facer desenvolvemento máis endóxeno (de cercanía e adaptado a recursos existentes nas distintas zonas). e facer ordenación territorial axeitada ao clima e a capacidade de acollida do territorio. Iso hai tempo que deixou de ser unha festa.
    4. Temos un mecanismo de solidariedade interterritorial, esa «lotería que toca onde ten que tocar» (como escoitamos cansinamente cada vez que chega a lotería de Nadal). CHÁMASE IMPOSTOS. Temos un estado que ten que dar servizos públicos que, precisamente, actúan seguro social. Ou sexa, que se veñen mal dadas (porque me poño enfermo, ou quedo sen traballo, ou hai unha emerxencia e quedo sen casa), temos un pacto social para protexer a quen sufre unha desas situacións. Iso é o que nos fai ser un país, esa solidariedade do pacto social. Os impostos son a clave para manter estes servizos, así como é importante a transparencia das administracións públicas no uso dos impostos, a simplificación da burocracia e eliminar a «violencia administrativa», e que haxa espazos para que a sociedade civil poida participar e controlar á administración. Así que eu desconfío de quen vén anunciando a bombo e platillo «rebaixas de impostos», porque non estamos nunha época onde cada unha teña que loitar polo seu lado. Xuntas é como somos máis fortes.
    5. Unha vez que hai emerxencias, hai que deixar traballar ás profesionais e informarse moi ben sobre como axudar, se poñerse en manos de gurús nin do buenismo da emoción (de boas intencións está empedrado o camiño ao inferno 😜). Iso non significa non facer nada, pero facelo con sentidiño

  2. Egoísmos de curto prazo e de longo prazo

    julio 2, 2024 by sergio


    Hai xente que, sen ter nin idea de teoría de sistemas, di que o cambio climático non existe…, ou que sen saber nada de socioloxía, historia ou psicoloxía opinamos sobre a opresión patriarcal (e tamén a negamos…).
    En fin, que o problema non é que haxa datos. A min, como ONjeta e persoa política, interésame cal é a causa e cal é o xeito de solucionalo. A ciencia pode axudar a medir un fenómeno que pode ser un síntoma dun problema, mesmo nalgún caso pode dar pistas de por onde tirar (como no caso do quecemento global a redución de fósiles e emisións de CO2, que de tódolos xeitos non se está facendo).
    Pero en temas sociais é cuestión de valores e filosofía de vida que cada unha temos. Uns preferirán facer muros cada vez máis altos con moitos robots e drons vixiantes que non deixen entrar ás persoas (pero si o coltán e os cartos), ou deixar só «a quen vén con traballo», e outros preferirán traballar (en serio) para que a xente non teña que deixar as súas aldeas e familias e poidan gañar a vida dignamente no seu lugar de orixe (a non ser que lles apeteza ir de turismo). Ao final é así de simple, logo se pode dar todas as voltas que queran.

    Todo na «polis» se reduce a valores e ao pacto social que queremos asinar, mesmo a ciencia e a tecnoloxía se poñen ao servizo (e nacen no contexto) dun tipo de sistema valores. Por iso aínda hoxe a maioría de grandes avances e inversións I+D+I son na industria militar, hai xente que lle mola a carreira polos recursos e a xeopolítica, gañar cartos sen importar de onde veñen nin que ou a quen se explota, e logo poñer barreiras para que a xente a quen se está explotando (a ela directamente, ou ao seu ambiente e medios de vida) non poida vir aquí porque nos quitan o traballo e nos traen as súas costumes bárbaras. Ou falan de que hai que fabricar máis e máis (por moito que fagan greenwashing falando de «economía circular») para facer medrar o PIB (ou máis ben a desigualdade, que xa sabemos que «diñeiro chama a diñeiro»).

    Todo ese montaxe de crecer sen sacar a cabeza do burato, poñendo muros e dicindo iso de «que me quede como estou» eu o chamo egoísmo curtopracista. Pode funcionarnos como sociedade suxeita a un planeta finito a curto prazo, pero a medio e logo eu creo que non, aínda que tal vez me equivoque… Logo está o egoísmo a longo prazo, que tamén é para estar ben e salvarnos como sociedade (o altruismo sempre ten un punto egoísta ;D), pero que defende que tal vez se máis xente no mundo vive dignamente e adaptamos máis o noso consumo ao sistema terrestre no que vivimos (o cal implica que toca repartir), é máis sinxelo que non vaiamos todas para o carallo. Iso si, eu son pesimista porque a humanidade cústalle demasiado pensar a medio-longo prazo. O egoísmo curtopracista vende moi ben e nos entra mellor na cabeza, porque a temos feita para pensar así… Se é que até hai virus mellor adaptados que nós ao hábitat que os sustenta, que pena! 😥


  3. O mar, o mar

    agosto 14, 2021 by sergio

    A miña casa marchara. Cando volvín para comer xa non estaba. No seu lugar, había cascallos e ondas que ían e viñan. Alerta laranxa. Ondas do mar de Vigo. Xusto ese día no insti aprendera esa cantiga, dun tipo que se chamaba Martín Codax. Disque era un trobador, unha especie de compositor que, na Idade Media, facía cancións para interpretalas el ou outra xente. Case non se sabe nada del, pero seica era de Vigo. Igual tiña unha casiña na mariña entre os loureiros. Desas agora xa van quedando poucas, e loureiros tampouco, polos eucaliptos…

    A miña nai contárame que a cousa xa viña de longo, pero empezou en sitios lonxanos onde vivían ninguéns. Illas desas de cartel de axencia de viaxes no medio dun mar azul turquesa, pequenas, con moitas palmeiras e area dourada. Por máis que había quen quería mirar para outro lado, cando máis tarde Venecia afundiuse e en Holanda xa nin esas presas que tiñan aguantaron, déronse conta de que o de meter a cabeza baixo terra non impide que as cousas sucedan. O ano pasado xa nin tivemos luces de Nadal. Agora eu quedei sen casa.


  4. Robi Robot: Black Friday

    diciembre 1, 2019 by sergio