RSS Feed

Posts Tagged ‘renda básica’

  1. A cooperación ao desenvolvemento mellor cos cartos na man?

    julio 12, 2023 by sergio

    Unha compañeira de Enxeñería Sen Fronteiras compartía esta nova, na que un exministro británico, que estivo moito tempo ligado a cooperación ao desenvolvemento, defendía a entrega de cartos en metálico mellor que os programas de axudas condicionados.

    Me parecen reflexións moi válidas. De feito, a min me parecen moi interesantes os programas de renda básica (verdadeiramente) universal, con transferencia directa de fondos a persoas (o de apoio orzamentario a países xa sería outro cantar).

    Eu sempre traballei en cooperación na onda de Enxeñería Sen Fronteiras, onde temos o enfoque de crear e fortalecer pontes e redes entre sociedade civil dos países para o monitoreo social, pola defensa dos dereitos humanos e contra o mega-extractivismo. É tamén un xeito de vixiar ás entidades do noso país que fan falcatruadas por outros lugares, denunciando no seu país de orixe. O que digo eu sempre que vén sendo «limpar a nosa merda». Iso é máis a cooperación para ESF que a propia acción dos proxectos en terreo, onde o protagonismo ten que ser das organizacións locais e as participantes. Este das pontes entre sociedades civiles dende o local non é un enfoque tan habitual como puidera parecer, por iso hai moita crítica á cooperación como ferramenta colonialista dende as esquerdas. A dereita prefire darlles algo de cartos e que non protesten…

    Pero ao final importa que as persoas teñan liberdade para decidir o seu futuro, para o que fai falta unha mínima liquidez económica, pero tamén uns servizos básicos, que son un dereito, e que veñen moi marcados polo lugar onde viven. Así que construir gobernanza que favoreza ese acceso igualitario aos servizos tamén é clave (e iso non se logra só dando cartos directamente ás persoas, aínda que si axuda para aliviar o día a día e dar a posibilidade de participar en movementos de protesta e control aos gobernos, que se estás agobiada polo día a día nin tempo nin ganas vas ter)


  2. Imos para aldea pa curar a alma (e o planeta)

    febrero 21, 2021 by sergio

    Estes días falouse do informe do Instituto Resiliencia que aboga pola reagrarización de Galicia. A volta ao rural, para vivir nel, e vivir del.

    Hai quen non ve claro iso de todo o mundo volver coller o sacho (se nin a maioría da xente da miña xeración o colleu, e non digamos xs nosxs fillxs) e vivir da terra. Tampouco se trata diso, senón polo menos que se tome como unha alternativa decente e digna de gañar a vida, máis aló de prexuízos e de incomodidades que, aínda hoxe, existen no rural (aínda que a pandemia fixo que foramos conscientes das indubidables vantaxes). Cando se fala de reagrarización fálase tamén doutro modelo forestal (que non é, precisamente, o que promove o novo Plan Forestal de Galicia).

    É preferible, penso eu, ir decrecendo de xeito controlado e cambiando o modelo de consumo e produción. Iso si, tampouco me fago ilusións de que esteamos preparadas como especie para renunciar á inercia do máis, máis e máis. E da «vida rápida». Non pasa nada, nos extinguimos e listo. Gaia non nos vai botar de menos! Pero eu son máis da idea de ir buscando alternativas de pouco a pouco porque, a pesar das miñas malas expectativas, en realidade son un optimista impenitente (se non, tampouco traballaría no que traballo).

    Pero quen cre que a cousa é totalmente insalvable, ou que estamos esaxerando (como os negacionistas, que non son máis que xente que non quere ver a realidade), pois adícase a desacreditar estas alternativas de «paracaídas» do batacazo que nos espera como especie, e se abonan a un carpe diem da avestruz. Argumentos como que, porque no colleramos un sacho na vida, non é posible a reagrarización, non se sosteñen, porque aínda que a xeración dos nosos pais e nais non sabían ni o que era un ordenador ou aínda menos un móbil, non por iso deixan de usalo. Como dicía o Xocas o outro día en La Resistencia, na súa familia pasaron en dúas xeracións de ser agro-ganaderos en Abadín a ser youtubers. Cando algo te motiva, ou cando no te queda outro remedio, adáptaste.

    Neste caso, como dixen, eu creo que sería mellor para todas que se fixera planificadamente e polas boas. Un bo xeito é polo menos non poñer paus nas rodas de quen quere voltar á terra para sentila coas mans e todas esas cousas místicas-telúricas, ou porque simplemente lle mola quedar na aldea, aínda que saiban que ten a súa parte dura e ingrata. Iso faise co certa seguridade dada por uns servizos públicos decentes no rural e, idealmente, cunha renda básica incondicional e cunha aposta decidida por quen produce os nosos alimentos e pode dar moitos servizos ambientais (labregas funcionarias ou con outro tipo de axudas que apoien á agricultura labrega como a máis eficiente en non esa PAC cobrada no paseo da Castellana, que xa veremos como vai a nova PAC pero posiblemente tampouco apoie á agricultura labrega) Desgraciadamente, de momento a cousa non vai por aí…

    Por outra banda, fai falta quitarse os prexuízos que houbo sempre de que, ademais de ser duro (vivir do campo xa sabemos que é fodido, aínda que eu, que son un «chico de barrio», non o sentín de cerca, pero todo o que depende do clima xera una incertidume e una ansiedade que habería que buscar como paliar dende o público para non deixar á xente desprotexida, o que dixemos dos servizos públicos ou a RBI sería un bo comezo), ademais sempre estivo moi desprestixiado. Os paletos e todo iso… E tampouco falamos de que todo dios que vaia para o campo teña que «vivir do campo». Simplemente é apostar por un sistema distinto que posibilite poder vivir no campo dignamente, e que sirva tamén para equilibrar o territorio demográficamente (as grandes cidades son manifestamente insustentables e prexudiciais). Tamén a nivel tecnolóxico, que parece que todas as tecnoloxías para prover de servizos se fixeron pensando nas grandes aglomeracións. Pois claro que non é sinxelo tender tubaxes de saneamento aos 30000 núcleos de poboación de Galicia coas súas correspondentes infraestruturas de depuración, pero é que hai anos que existen outras tecnoloxías de depuración in situ (e que ademais se poderían mellorar a pouco que se apostara pola I+D+I con ese enfoque de descentralización rural, no que Galicia debería ser referente). E o mesmo coa electricidade, ou coa Internet. Así que hala, tirando para o campo!!!

    ACTUALIZACIÓN 22/01/2021. Xusto hoxe a Asociación de Áreas Escasamente Poboadas do Sur de Europa presentou un informe sobre os servizos que estas áreas dan ao ben común (ambiental, enerxético, etc.), demostrando que son chave para a sustentabilidade do sistema e dan moito máis do que receben, a todos os niveis.

    IMAXE USADA EXTRAÍDA DE: https://www.freeimages.com/premium/kids-walking-in-the-countryside-315556