RSS Feed

Posts Tagged ‘Galeano’

  1. O PREGUNTÓN DE GALEANO

    mayo 13, 2008 by sergio

    >Onte en Santiago de Compostela o Clube Internacional de Prensa tiña un invitado de excepción, Eduardo Galeano, presentado por Manuel Rivas. De Galeano e a súa obra pouco hai que falar. Todo se sabe tamén da súa simpatía esquerdista, o seu pouco disimulado anticlericalismo e a súa aínda menos disimulada afección polo fútbol (dixo: «dúas das cousas máis importantes na vida son o humor e o amor, ademais do futbol, claro» co seu acento uruguaio, que parece feito adrede para falar de fútbol).
    Veu presentar o seu novo libro (unha librería fixo o seu agosto vendendo á entrada tódala súa bibliografía, o cal paréceme moi ben, por suposto, hai que aproveitar as ocasións en que á xente lle da por comprar libros), leu e comentou fragmentos do mesmo, falou de vivencias propias e alleas, e as 2 horas que un Auditorio de Galicia a rebosar viviu foron como 5 minutos.

    Desa presentación quédome con tres cousiñas (foron tantas…):
    – Definiuse profesionalmente non como escritor, senon como «preguntón». Esa palabra ten moitas implicacións…, e como el mesmo dixo, como ten moitas moscas na cabeza e non atopa insecticida que as mate, pois surxen libros como este. Mira que as moscas non me caen ben, e aínda que a dona da Cova mo ten prohibido sempre que podía as cazaba…, pero se fan que salgan libros como estes é pra pensar en volverse criador de moscas. O feito de preguntar non é calqueira leria, é un arte. Saber qué preguntar soe ser a clave para atopar as solucións. E Galeano paréceme que ten unha virtude que penso que todo «preguntón» que se precie debe ter, que é saber preguntar como o faría un neno, sen prexuízos nin tabúes.
    – Falou do bo que é a diversidade: a cultural (moitos mundos dentro dun mundo), de pensamento, e eu engadiría que de todo… Non en van é unha das propiedades máis importantes que aseguran á sostenibilidade dos ecosistemas (e Gaia xa vimos que é sabia…).
    – A capacidade que ten de extraer pequenos detalles e esceas da vida cotiá de persoas de toda índole e de todo o mundo e fiar a partir deles pensamentos de validez universal (que me perdoen os relativistas…) e duhna clarividencia asombrosa paréceme admirable, e lémbrame a un libriño ben bo que se chama O Deus das Pequenas Cousas.

    No coloquio ademais das inevitables divagacións de xente que se emociona ó ver un dos seus «mentores», ou preguntas de temas máis políticos, alguén preguntou pola visión que ten o escritor (perdón, o «preguntón») dos galegos e a súa opinión respecto da que hai en Sudamérica (para entenderse, os chistes que aquí son dos sufridos lepeiros en Sudamérica son «de gallegos»). E dixo que isto é así porque os galegos son traballadores, e a visión que hai por alí diso é de ser tontos…De feito mencionou que nun lugar ó corazón chámaselle «bobo». El pensaba que era porque se enamora, pero resulta que é porque non para de traballar dende que se nace ata que se morre…
    Moito se aprende escoitando a este home…