Canto máis coñezo deste mundiño de préstamos e da liberdade financieira, máis tufiño a acumulación especulativa (e extractivismo) me vén. Intereses dun 20%?? Aínda que sexa dun 10 ou dun 3!! Diredes que para iso «arriscan» os cartos. Pero non penso que o concepto arriscar sexa moi bo para construir economía do ben común. De feito, vivir das rendas paréceme totalmente incompatible cunha sociedade xusta e igualitaria. Unha cousa é construir un sistema que non deixe a ninguén atrás, cun contrato social sobre os servizos públicos e ingresos mínimos (a través dunha renda básica universal) que deberían ter as persoas para unha vida digna. Logo hai quen se bota as mans á cabeza cando pasan cousas como esta ou esta.
O concepto de «a terra para quen a traballa» vai cobrando cada vez máis importancia nun contexto onde a financiarización e a especulación financiera xa representan moito máis nos movementos económicos que a chamada economía real. Tanto, que xa «houbo que facer» unha clasificación de como gañar pasta máis aló de ter o teu negocio producindo algún ben ou servizo (no xenial libro Taxonomía del Lucro de José Manuel Naredo, do que recomendo moito a parte final de como sería a creación dun Master en Economía da Corrupción Óptima).
Esta carreira de acumulación especulativa está en realidade ao servizo (ou é outra cara de) o sistema extractivista que está a comer o mundo. Así todas poderemos morir de rendas.