Dentro da campaña de mobilización das diversas organizacións de cooperación ao desenvolvemento da sociedade civil, estanse a desenvolver decálogos e argumentarios para a defensa das políticas de cooperación ao desenvolvemento. Aquí vai o meu!
1. Por que a AOD non ligada, non voluntarista e como instrumento dunha política real de cooperación ao desenvolvemento? Trátase dun imperativo ético e de xustiza (débeda social, histórica e ambiental) de defensa da poboación máis vulnerable, promovendo a cidadanía global dende tódolos ámbitos. Trátase ademais dun dos instrumentos máis importantes de defensa do dereito ao desenvolvemento (ver declaración) e dos dereitos humanos (ver declaración). Tamén os diversos foros de Eficacia da Axuda resaltan estas características da AOD para ser verdadeiramente útil.
2. Unha cousa son os problemas de aquí e outra os doutros países? As políticas de cooperación deben ser unha máis das políticas sociais (simplemente coa particularidade de que a cidadanía que a promove non son as persoas beneficiarias directas da mesma, aínda que poden selo de xeito indirecto como se menciona no punto 10). Trátase de apoio á poboación máis vulnerable dende un punto de vista do “dereito ao desenvolvemento” coa perspectiva máis global (máis aló dos estados). O facer depender cooperación de Relacións Exteriores pode implicar un enfoque de influencia sobre os países empobrecidos máis que a promoción da xustiza social global, que debería facer que fora unha política máis finalista coas persoas (sen someterse tanto a consideracións xeopolíticas e de rendibilidade económica, senón as de tipo social e cultural vinculadas á defensa e promoción da poboación máis vulnerable e ás consideracións de xustiza e dereito ao desenvolvemento). No informe de políticas de cooperación das CCAA da CONGD pódese ver como está na actualidade a situación no estado español neste “posicionamento orgánico” da política de cooperación en cada autonomía. A Educación para a Cidadanía Global é o sustento formativo e de valores básico a promover neste enfoque, que rexeita totalmente a demagoxia do discurso “eles ou nós” (e o de “mellor recortar en cooperación que pechar ambulatorios”), e que debe formar parte non só das políticas de cooperación, senón que debe ser eixo transversal do resto das políticas como valor intrínseco das accións de goberno que busquen a xustiza social (ver puntos 5 e 9).
3. A cidadanía apoia seguir apostando por políticas de cooperación? No caso de Galicia a propia Xunta encargou un estudo á Universidade de Santiago onde se pon de manifesto este apoio e tamén ao resto de políticas sociais. Hai unha tendencia sobre todo nas redes sociais dende hai uns meses a denunciar o “recorte social” e tamén en educación e sanidade, en vez de buscar solucións máis estruturais e de calado (que implican maior esforzo planificador e pode que máis risco político) á grande cantidade de gasto ineficiente que se fai dende as distintas AAPP (duplicación de competencias ou administracións inútiles, coches oficiais, despilfarros en obras pouco planificadas e moitas veces inútiles, soldos escandalosos, dietas inconcibibles, múltiples salarios, rescates a entidades privadas con diñeiro público, pouca eficiencia no sistema das forzas armadas, etc.).
4. Por que AOD pública? Porque son fondos da cidadanía que confía nas capacidades das AAPP para a súa xestión (igual que pasa no resto das políticas sociais). A cidadanía confía no criterio de asignación de recursos da AOD que, como no resto das políticas, debe ser transparente e suxeita a rendición de contas. Isto non é óbice para que se promova tamén a mobilización social a través de aportes de tempo ou diñeiro de particulares nas causas que consideren acordes as súas ideas ou intereses, se ben debe haber unha base xeral de carácter público, como pasa con calquera política social.
5. A política de cooperación debe estar illada e ter “personalidade propia”? Trátase dunha das políticas nas que máis se reflexa os valores que teñen que ver con Cidadanía Global que se promoven dende o goberno, de aí que a personalidade da mesma este asegurada (tanto no xeito de promovela e as liñas de traballo que se prioricen, como o xeito de deixala de lado e desmantelala). Debe ser, sen embargo, coherente co resto de políticas para que non se de unha “esquizofrenia de políticas de desenvolvemento” ou, no peor dos casos, que a AOD se converta nos “cristais de cores da idade contemporánea”, no edulcorante da pastilla amarga ou, como moito, no vehículo para poñer parches de alivio temporal ou o tubo de escape de descontento social pola falta de acceso ás necesidades básicas. Non se pode promover a cidadanía global e a boa gobernanza como eixos transversais de traballo en cooperación ao desenvolvemento e logo defender a falta de democracia nos organismos internacionais, por poñer un exemplo extremo (e real). A acción global debe levar aparelladas políticas de cooperación cunha vontade real de xustiza social global, defensa do dereito ao desenvolvemento dos pobos e apoio aos dereitos humanos en todo o mundo. Isto debe comezar polo xeito de funcionar das institucións internacionais. Os valores dunha institución falan directamente da meta da institución, e unha das cousas menos admisibles é a “incoherencia institucional” sen o desexo de cambiala.
6. E cal é o papel da sociedade civil e o asociacionismo na aplicación destas políticas de cooperación? Trátase dos grandes protagonistas dos movementos de cambio social e deben ser axentes clave de rendición de contas da AOD, que debe tamén estar canalizada nunha parte importante a través dos propios movementos sociais e organizacións de desenvolvemento non lucrativas como vencello directo cunha sociedade civil transnacional (e suxeitas tamén, por suposto, a mesma rendición de contas ante dita sociedade civil transnacional). O cambio debe ter enfoque de arriba abaixo, pero tamén (e sobre todo) de abaixo arriba, por iso son tan importantes as agrupacións da sociedade civil.
7. É importante a cooperación descentralizada? Non se pode limitar a acción da cooperación a un só nivel da Administración. Como se mencionou, debe tratarse dunha política integral, incluíndo tanto aos actores como aos sectores e niveis de actuación. A cooperación descentralizada, ademais de estar recoñecida xa en diversos estatutos autonómicos, é clave para a permeabilidade e aproximación á sociedade civil das distintas CCAA dos enfoque de Educación para o Desenvolvemento por ser administracións máis próximas (o mesmo que a local). Paga a pena destacar tamén as capacidades sectoriais específicas das distintas entidades locais ou autonómicas, que maximizarán esa permeabilidade e fará máis eficaz á propia AOD. É importante un sistema diverso e complexo para manexar algo tan diverso e complexo como o desenvolvemento. Boas referencias son os documentos sobre a cooperación descentralizada de Alboan, CONGD e MUSOL.
8. Deben as empresas privadas ser actores da cooperación ao desenvolvemento e executores da AOD? Sen negar o papel de progreso social, desenvolvemento económico e mellora da calidade de vida a través de bens e servizos, a cooperación ao desenvolvemento non debería ser eido de traballo de entidades lucrativas nin entidades vinculadas ás mesmas cun papel de protagonismo estratéxico. Como xa se comentou, trátase dunha política social de apoio á poboación máis desfavorecida e neste eido o carácter lucrativo ou o vínculo ao mesmo pode ser unha traba determinante para non so non acadar os obxectivos de xustiza social, senon mesmo abrir máis a fenda existente. Iso non implica que non podan participar como provedores de servizos e bens necesario para esta acción social, por suposto, pero non como protagonistas nin na definición das políticas nin na parte estratéxica da execución. A execución de fondos de AOD por parte de empresas deberían, por tanto, ser baixo un enfoque de dereito ao desenvolvemento, priorizando a transferencia tecnolóxica, a creación de capacidades, o respecto dos dereitos humanos e a non creación de dependencia. As propias AAPP dos países donantes deberían ter comisións ad hoc para velar por isto, cunha rendición de contas a sociedade civil global. Ademais, como parte da integralidade e coherencia de políticas, os propios gobernos deberían velar por que as empresas do país (e mesmo da comunidade autónoma, se fora o caso), mesmo aínda que non estean a executar fondos da AOD, teñan políticas de acordo á defensa dos dereitos humanos a nivel global, sen distintos criterios segundo o país de traballo. O impulso dun sistema de xustiza global onde se inclúa a observación das prácticas das transnacionais, así como unha democratización dos organismos internacionais deberían ser unha prioridade neste eido da promoción da actividade empresarial como motor de desenvolvemento (que non de cooperación ao desenvolvemento).
9. Serve de algo unha política cooperación sen Educación para o Desenvolvemento? Hai que facer especial énfase na Educación para o Desenvolvemento con enfoque de Cidadanía Global ou Cidadanía Cosmopolita, onde é clave a integralidade e coherencia de políticas, formando cidadáns críticos e responsables que formen parte desta sociedade civil multinacional e pidan contas aos diversos axentes da cooperación na súa acción de buscar a xustiza social global e dereito ao desenvolvemento cos valores dos dereitos humanos inherentes a esa acción (sen separar “aos de aquí”, sexa o que sexa iso).
10. É tamén unha razón de defensa das políticas de cooperación ao desenvolvemento o “egoísmo intelixente”? Algúns expertos o ven así, como catalizador da acción global e freo de diversos conflitos motivados polas diferencias sociais (tanto de rexímenes políticos extremistas e belixerantes, como de caldo de cultivo de grupos violentos ou de migracións). Un exemplo dun estudio moi completo e sistemático con este enfoque é o informe “Hacia un Libro Blanco de la política española de desarrollo”. Persoalmente, eu non abusaría destes argumentos na defensa das políticas de cooperación, para non caer nun excesivo utilitarismo. Sen dúbida, non o enfocaría en ningún momento na boa repercusión das políticas de cooperación na “defensa da marca España” ou calquera tipo de “mellora competitiva das nosas empresas ou marcas” (posicionamento para min incoherente coa importancia de desligar estas políticas de intereses de país e promover a Cidadanía Cosmopolita). En todo caso empregaría argumentos que reforcen o feito de que “se o resto está ben, es máis fácil que eu tamén estea ben, con valores máis enfocados á colaboraración e solidariedade en vez de á competición”.
Actualización 28/08/2012: unha xustificación moito máis sustentada ao 10º punto de non empregar eses argumentos de caracter «transacional» ou como xeito de dar protagonismo a unha marca ou país pódese ver neste moi recomendable informe que é aplicable por completo á realidade española: Buscando marcos: nuevas formas de implicar a la ciudadanía del Reino Unido con la pobreza global
[…] en un montón de cosas más de esta nuestra administración pública y sus correspondientes políticas (bueno, llamarle […]