RSS Feed

Apertas pre-apocalípticas

15 junio, 2021 by sergio

Estase a falar moito nos últimos tempos da dixitalización en todos os ámbitos da vida. E cos fondos Next Generation moitos sectores ven unha posibilidade de acadar cartos para lanzarse a o que sexa que significa iso de «dixitalización». O sector das ONGD tamén se plantexa surfear esta onda.

En realidade, creo que habería que facer unha reflexión fonda sobre o que significa «poñerse en mans destas tecnoloxías» tan alegremente. Pero neste sector da cooperación para o desenvolvemento e a cidadanía global, non vexo espazos para esa reflexión máis fonda. Creo que tanto as organizacións que precisan ferramentas máis complexas de xestión (ou máis enfocadas á investigación), como outras organizacións máis pequenas ou apegadas ao activismo, deberían facer esa reflexión e, sobre todo, pensar que se queremos outro mundo, un que sexa xusto, baseado nos coidados e que non deixe a ninguén atrás, non se pode empregar a tecnoloxía acriticamente pensando que é só unha ferramenta, sen ver que e quen está detrás. Usar ferramentas de software libre pode ser tan político como empregar produtos de comercio xusto ou de proximidade. Pero claro, temos que aprender novas ferramentas, ás veces nos frustramos porque non van como as outras que manexabamos, e ademais temos que participar en redes onde melloren esas ferramentas dende a comunidade (o cal nos quita tempo). Igualiño que cando queremos promover a soberanía alimentaria. Pero é que é parte do mesmo problema. Ao final é máis sinxelo comprar no súper (tamén no caso do software), pero polo menos temos que saber que hai alternativas e ir tratando de mellorar conscientemente a nosa coherencia como organizacións. O noso traballo non pode ser salvar aos negriños (ou, xa falando de prácticas máis modernas na cooperación, facer denuncias das malas prácticas das empresas españolas noutros países ou pontes entre activistas do norte e o sur global) empregando excel.

Cando apenas estamos vendo como volver ao analóxico e ao presencial (o que vén sendo «volver á rúa»), despois desta pandemia, pero sen esquecer o bo que aprendemos nestes tempos estraños de traballar en liña, entrar na espiral da dixitalización réstanos forzas. Porque non temos forzas para estar a full en todo. Se nos enfocamos no dixital nos quedan menos para dedicar a volver a tocarnos. Por outro lado, o algorítmico, pola súa aparente inhumanidade, ten una connotación que, persoalmente, me xera marcos mentais moi desmobilizadores e que afasta as persoas, os coidados e a vida do centro. Ademais é unha tendencia que nos atrae con forza, porque o contexto global está potenciándoa. E as organizacións do sector da cooperación e a transformación social non van a ser a excepción, e menos sen esa reflexión proactiva sobre o tema. Caeremos no remuíño sen sequera poñernos a remar cara a beira.

A avalancha tecnolóxica non vai facer máis que crecer (bitcoins, intelixencia artificial cuns sesgos raciais/de xénero brutais, tecnoloxías de control social, patentes que lle dan cada vez máis poder ás grandes empresas iniciadas moitas veces con fondos públicos etc., etc. etc.). No sector social non falamos moito disto, e menos pensamos en impulsar mellores prácticas tecnolóxicas. Como dixemos, a vida non nos da para todo, pero se non temos máis en conta o cambio tecnolóxico e o integramos nas nosas prácticas, lle imos entregar o mundo aos de sempre cun laciño de regalo.


2 Comments »

  1. […] Apertas pre-apocalípticas (sobre dixitalización nas ONG) […]

  2. […] Apertas pre-apocalípticas (sobre dixitalización nas ONG) […]

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *