RSS Feed

>¿Se se salvan os bichos morren as persoas?¿Se se salvan as persoas morren os bichos?

11 abril, 2008 by sergio

>
Dito así ó bestia e o tema que se tratou na xornada que hoxe tivo lugar no Castelo de Santa Cruz (para non perderse este entorno, eu non o coñecía e mira que está cerca, si é que sempre pasa o mesmo, por moito wanderlust que teña un…) sobre Retos e desafíos da cooperación internacional na conservación da biodiversidade organizado polo CEIDA.

Por causas de axenda dalgúns poñentes houbo un cambio no horario do curso, quedando agrupando en dúas mesas redondas pola mañá, unha con axentes de cooperación de fora de Galicia, e outra con axentes galegos que traballen co medio ambiente por eixo central.

Comezou o tema cunha presentación «institucional» onde destacou Enrique Peña repasando o papel da universidade como axente de cooperación (el é o director da Oficina de Cooperación e Voluntariado de Universidade de A Coruña). Logo estiveron o Delegado da Consellería de Medio Ambiente e a Subdirectora Xeral de Cooperación Exterior…, todo boas palabras sobre a importancia do tema e o ben que se «están empezando a facer» as cousas en cooperación en Galicia.

Despois, e xa na primeira mesa falaron:

– José Jiménez, conselleiro técnico do Programa Azahar da AECID: fixo un bo resumo dos problemas de enfoque do tema ambiental na cooperación e os prexuízos que tivo que enfrentar tradicionalmente do tipo «como vou coidar os paxariños se a xente anda a morrer de fame ou sen auga». Mencionou de pasada os Pagos por Servizos Ambientais, e parece un firme defensor da conservación in situ a través de parques naturais (con tódolos problemas que implican, e dos que en Galicia hai exemplos variados por no saber enfocarse a participación dos axentes do territorio). O dilema do prisioneiro e A Traxedia dos Comúns de Hardin púxoos como exemplos que poden explicar en moitas ocasións o que en Galicia se coñece como «Cousas do común, cousas de ningún» (como falando no café lle comentei), se ben botei de menos (tampouco daba o tempo despois do acurtamento) profundizar nisto xa que é perigoso partir destes modelos e teorías que as veces simplifican en demasía a relación home-ambiente natural.

– Óscar López, da universidade das palmas de Gran Canaria, que contou a experiencia de 10 anos de traballos a prol dos distintos tipos de especies de tortugas mariñas que desenvolven algunha parte do seu ciclo de vida en Cabo Verde, con todo o traballo de sensibilización, voluntariado e retroalimentación coas institucións canarias asociado.

– Nieves González, subdirectora do Instituto Canario de Ciencias Mariñas, que deu a visión máis institucional do traballo como Instituto e incidiu en como a creación de redes de actores a distintos niveis e distintos países é clave, se cadra aínda máis no caso dos ecosistemas (que non entenden de fronteiras).

– Guillem Chacón, director da Universidade Catalana de Ciencias da Natureza falou dos Cursos Internacionais de Natureza que organizan con Naturalistas Sin Fronteras e dun proxecto de protección de tartarugas (hmmm, ¿por qué serán tan «mediáticas» as tartarugas?) no que están inmersos nunha zona cercana ó lago de Maracaibo, en Venezuela.

Na segunda mesa, tralo café, de experiencias galegas, falaron:

– Judith Sing, de Amigos da Terra, que deu a visión duha ONG ambientalista-humanista. Posiblemente sexa das ONGs que a nivel interno máis ten debatido sobre esta dualidade. O final traballan como nos contaron, especializándose na perspectiva ambiental integral do desenvolvemento humano (como inseparable do ecosistema). Tamén tocaron a participación dos axentes implicados en tódalas fases dos proxectos, e a importancia clave da sensibilización e educación no norte e no sur. Propuxeron a erradicación do enfoque transversal dos aspectos ambientais nos proxectos de cooperación e que se lles dé peso específico, e que se evalúen con máis coidado estes aspectos nos distintos proxectos apoiándose se é necesario en actores que teñan experiencia no tema, como ONGs.

– Alfredo Novoa, presidente do Fondo Galego de Cooperación, dos que leva tempo nisto, posiblemente aprendendo á vez que facía (o cal non sempre é bo, pero ás veces non queda outro remedio, o malo é se cando xa se vai sabendo e tendo canais para traballar, e séguense facendo as cousas á vaiche boa, o que na miña opinión é o que ven facendo o Fondo nestes últimos anos cunha convocatoria arbitraria ou inexistente, e criterios de traballo pouco claros, esperemos que cambie). Defendeu a formación e traballo de xente de dentro dos axentes da cooperación sen ter que contar sempre coas ONGs (en resposta a petición de Judith), e defendeu a integralidade do ambiente e o xénero nos proxectos, se ben o fixo dun xeito algo deslabazado. Contou algunhas experiencias de proxectos do Fondo, e tamén reflexionou sobre a estructura das distintas institucións en cooperación, e cómo segundo el mestúranse indebidamente competencias. Puxo o exemplo da universidade (non entendo que tivera que ir a se meter coa universidade vindo dunha Alcaldía, que non son precisamente os modelos de organización en cooperación e voluntariado), e como nas tres universidades galegas mestúrase cooperación con voluntariado, o que na súa opinión non ten sentido (no debate posterior Enrique Peña estaba en contra en varios puntos disto, se ben Luis Gárate, seguinte poñente, e membro da UDC, apoiouno). Eu disto teño a miña propia opinión.

– Luis Gárate, profesor de antropoloxía da UDC, tocou o tema de enfoque cultural da cooperación (aínda menos transversal que o medio ambiente, e causa dunha gran parte dos fracasos nos proxectos de cooperación), e como este enfoque pode axudar a matizar e comprender as contradiccións home-natureza nos proxectos, sen caer simplemente no de «como son pobres explotan máis». Desta contradicción pódese ver algo máis aquí para ir profundizando. Falou das experiencias en Mozambique e outras zonas, e como os problemas no rural reprodúcense unha e outra vez en todo o mundo.

O final, parece que o que non estamos sendo capaces de facer aquí, que xa está todo viciado (incendios, problemas coa fauna salvaxe-habitantes do rural, mala xestión de parques naturais com Courel ou Fragas do Eume), tratamos de levalo fora… Teño esta sensación xa dende as saídas ocasionais que fixen da Cova, como a Nicaragua.

Un par de comentarios máis sobre cousiñas do evento:
– coma sempre o tempo dos poñentes alongouse moito e houbo pouco tempo para os coloquios, algo que case sempre se da sempre que nun seminario aparece «Mesa redonda». A realidade é que nestes eventos do que se trata é de intercambiar opinións de expertos no seu campo con xente que é «un pouco menos experta», pero que non vai a escoitar leccións maxistrais senon a xerar discusión en temas de interés, discusión que se coarta pola falta de tempo. Moito nos queda por aprender nisto.
– respecto da bibliografía entregada, a maioría dos títulos eran sobre xestión de espazos protexidos, pero eu creo que a clave para o éxito da xestión sostenible (sexa o que sexa iso) non serán os espazos protexidos, senon os «espazos non protexidos«.

E, por cerrar referindome o título…, ¿non son ó final as persoas bichos?


No hay comentarios »

No comments yet.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *