RSS Feed

Triloxía de Sar

9 julio, 2025 by sergio

Verde e branda venda, no corazón Compostelán

curando feridas de fume e alquitrán

I. AS BRAÑAS

Somos esponxas da terra

enxugando paseniño

gotiñas que foxen da guerra

entre a choiva e a grava dos camiños

Gotas que logo pouco a pouco

serán unha preciosa ofrenda

ao pai Sar que zigzaguea louco

cheo de retranca e de fachenda

Acubillamos a pequenas vidas

Árbores, herbas, bolboretas e flores

raposos, ras, esquíos e anduriñas

quebracabezas vivinte de fermosas cores

Pero é á noite cando máis nos presta

coa compaña de lúa e estrelas

e da luz lonxana que da cidade chega

a ferir o chan entre as follas mestas

En tempos escuros vestirnos quixeron

con roupas cincentas de frío cemento

Salvámonos grazas a xentiña boa

que vive na luz e escoitou o lamento

E aquí seguimos mirando adiante

correndo, xogando, con Gaia falando

E esa xente boa de corazón grande

ás Brañas de Sar por sempre coidando


II. A COLEXIATA

Ben vestida de muros viventes

Con máis anos que as pedras máis vellas

Piares tortos que o tempo resisten

Falando co tempo sobre as nosas cabezas

Non esmorece o xardín na súa gaiola

entretido pola música da gaita

e polos berros da nenez que resoan

no val do pai Sar e polas Brañas


III. O RÍO

O Sar chega sen ruído, quedo

alborota na ponte das Fontes

e asústase ao escoitar os berros

na Caldeira na que loitan os xigantes

Entra derrapando polas Brañas

E lembra os bos tempos cos muíños

que xa hai moito tempo que descansan

sen maltratar ao gran, fican tranquilos

Coida das vacas que sen présa pastan

Escoita ledo os nenos xogando

Búrlase traveso da pobre e vella ponte

e á altiva Colexiata saúda de lonxe

Desfruta do Granell e vai marchando

baixo monstros de cemento e asfalto

para desfrutar dese gran Banquete

e á Rocha Forte espertar berrando

antes de atopar de novo verdes sendas

para ao fin unirse ao Sarela amado


No hay comentarios »

No comments yet.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *