No grupo de micromachiños do que xa teño falado o outro día, un compañeiro comentaba que estaba tratando de amosar nas redes sociais tamén esa parte máis sensible que, como homes, sempre nos dixeron que debiamos agochar.
As redes sociais son un xeito de amosar o aspecto externo da nosa «personalidade dixital». Eu prefiro este blogue. E vou deixar aquí unha canción que me retrotrae a un período moi importante da miña vida, de moita aprendizaxe a todos os niveis, cando entre 2006 e 2007 vivín Nicaragua.
Se hai unha canción coa que me sinto representado e me gustaría que fora a miña «bandeira musical dixital» é Quincho Barrilete. Dame bo rollo e emocióname (algunha lagrimiña incluso) a partes iguais. Parece unha canción infantil, lixeira e até inxenua (con ese comenzo circense e ese ton festeiro). Lémbrame a nenez, daquel país e doutros, que son quen sofren as desfeitas dos maiores (e é algo que levo moi mal e me entran uns desexos grandes de que nos extingamos dunha vez, e máis estes días co de Ceuta e Palestina). Pero tamén levántame o ánimo pola alegría e dignidade que transmite do seu protagonista, e tamén de «tirar padiante» e afrontar os problemas (neste caso, con referencia á loita do malogrado sandinismo contra a dictadura).
Un aniño tiña eu cando se fixo a canción, que ademais ten unha historia interesante. Até gañou o festival da OTI saltándose a censura do dictador Somoza para poder representar ao seu país (parece unha canción infantil, pois non o é…).