RSS Feed

Resiliencia. Mexan por nós…

19 marzo, 2019 by sergio

Cóidate desas que falan moito de resiliencia como a virtude do futuro (do presente). Ultimamente véndennos o adaptarse “porque non queda outra” como algo desexable (mirade o de adolestreinta), como o ideal da «persoa como sistema». Un ecosistema resiliente mola, porque adáptase ao que veña. Non cuestiona iso que lle fai cambiar definitivamente e nunca volver ao seu estado inicial. Mudo. Pasivo. Ideal. Xa non é buscar un mundo mellor para todas a través dunha cidadanía crítica, propositiva, participativa e con corresponsabilidade sobre o que veña (cidadanía activa), senón adaptarse ao que hai con católica resignación (cidadanía pasiva). Chegamos mesmo a unha sorte de «resiliencia moral» e vivencial. O que antes eran liñas vermellas para os nosos valores e esixencia dos nosos dereitos, ante unha situación de opresión continuada onde a clave é a supervivencia nosa e dos nosos, estamos dispostas a baixar os nosos estándares de calidade de vida e de dereitos humanos até onde sexa necesario? Como a ra á que cocen a fogo lento até que a ferven viva sen que faga nada? A esperanza de que todo cambie é un faro moi brillante que atrae demasiado a nosa atención e, ás veces, non nos facilita buscar alternativas reais ou, simplemente, revolverse e, como dicía un amigo, «buscar a fonte do problema e partirlle as pernas».

A resiliencia, en definitiva, é consolarse como podamos de vivir neste «val de lágrimas». En galego hai un dito moi bo que resumiría o que é a resiliencia tal como nola están vendendo: “mexan por nós e temos que dicir que chove”.


No hay comentarios »

No comments yet.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *